Adegas e viticultores serán convocados para resolver o problema da falta de pagamento
Por Oskar Viéitez
A segunda planta do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra acolleu este xoves a xuntanza da comisión de seguemento dos contratos homologados de Rías Baixas que volveu constituirse para resolver as reclamacións formuladas por algúns viticultores.
A Consellería do Mar e de Medio Rural actúa neste caso tan só como anfitriona deixando que sexan as partes as que negocien.
Este instrumento garante aos colleiteiros un prezo mínimo e uns contratos para a uva. Sen embargo segundo denunciou a Sindicato Labrego Galego, centos de viticultores da denominación de orixe Rías Baixas seguen sen cobrar a uva que venderon ás adegas na penúltima vendima, a de 2011. Un problema que atribúen a que os pagarés que lles entregaron no seu día as adegas quedaron sen fondos.
Segundo explicou hoxe o presidente da comisión de seguemento, José Martínez Chantada, presidente de Martín Códax, "agora as partes serán convocadas para o mes de maio para tratar de forzar un acordo".
Como é lóxico nesta comisión de seguemento non están presentes nin todas as adegas nin todos os produtores "polo que será necesario chamar agora ás partes afectadas", dixo Martínez Chantada, co que "a solución non pode ser hoxe".
O presidente de Martín Códax suliñou que "a maioría das adegas cumpliron e os viticultores quedaron conformes polo que o sistema non tería porque cambiarse de cara ao futuro".