No día mundial do alzheimer reclaman que se garantan os dereitos das persoas enfermas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Este xoves é o día munidal do alzheimer. Esta enfermidade, que é irreversible e progresiva, destrúe a memoria, as aptitudes do pensamento, a forma de pensar e o xeito de comportarse.
En Galicia, o alzheimer supón arredor do 70% dos casos de demencia e existe unha maior incidencia que no conxunto do Estado debido ao envellecemento da poboación.
As mulleres son máis propensas a padecer esta enfermidade, cuxos custos medios por paciente sitúanse entre os 27.000 e os 37.000 euros anuais.
As familias que coidan ás persoas doentes (o 80% dos casos) teñen que asumir o 87% destes gastos totais. O 12% das persoas coidadoras deixan os seus traballos para dedicarse ao 100% á súa atención e o 30% teñen que modificar a súa organización laboral, diminuíndo as horas de traballo.
Todos estes datos foron dados a coñecer na presentación do libro de relatos curtos "Nun recuncho da memoria" elaborado pola Asociación de Familiares de persoas Enfermas de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, AFAGA.
O acto de presentación tivo lugar no vestíbulo do Pazo Provincial coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polos deputados Digna Rivas e Xosé Leal, o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, un dos autores dos relatos do libro, Urbano Barrios, e o deportista Daniel Fernández, que está a organizar diferentes probas deportivas para recadar fondos para distintas asociacións.
No seu discurso Carmela Silva reivindicou ás administracións competentes, a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado, que poñan en marcha as medidas e recursos para que a enfermidade se declare como "unha prioridade de saúde pública ", que se recoñeza automaticamente o 33% de discapacidade á persoa diagnosticada de alzheimer ou outra demencia neurodexenerativa ou a posta en marcha dunha política de Estado de alzheimer, "establecendo en Galicia unha estratexia transversal de atención ás demencias que involucre a todos os ámbitos da administración pública".
Ademais, reclaman o recoñecemento público da figura do coidador familiar, dotándoo de recursos oportunos durante a etapa de coidado e unha vez o coidado finalizou.
Carmela Silva tamén denunciou que "nos últimos anos se reduciu o apoio económico ás persoas coidadoras para atender ás familiares e, de feito, o Goberno chegou a suprimir as cotizacións á Seguridade Social de 15.000 coidadores de dependentes en Galicia". A presidenta sinalou que "a maioría dos coidadores e coidadoras son mulleres que están a perder as cotizacións á Seguridade Social, que pagaba por elas o Goberno e que lles servía para completar períodos cotizados e acceder a unha pensión de xubilación".
E sobre a Lei de Dependencia declarou que "queremos reclamar que a Xunta poña a disposición destas persoas recursos precisos que permitan que todas as persoas poidan acceder a eles de maneira inmediata, xa que teñen dereito a eles e non hai causa máis xusta".
Relacionadas:
-
RADIO.- Benefactores sociais si, non, ou con condicións?
Por Marisa Ciordia |
-
Marín acollerá talleres e unha festa solidaria dos Bombeiros do Morrazo en apoio aos enfermos de Alzheimer
Por Oskar Viéitez |
-
Marín ofrecerá un servizo de estimulación cognitiva aos enfermos de alzheimer
Por Antía Fernández Buján |