O PP di que o plan de obras do Concello é "froito da desesperación"
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular cualificou este venres como "unha tomadura de pelo" o anuncio levado a cabo polo goberno local sobre o plan de obras municipais.
Os populares amósanse convencidos de que "esta é a mesma estratexia que empregou o BNG de Lores no 2011 cando anunciou unha inversión de ata 364 millóns de euros ante o descontento veciñal", destacaron, "a desesperación ante a críticas dos veciños obriga ao goberno de Lores a maquillar a súa xestión".
"Un plan de obras froito da desesperación", manifesta o PP local para o que "queda claro que tan só 3,7 millóns de euros dos 13 millóns orzamentados están en execución".
As críticas dos populares engaden que para acadar os 41 millóns previstos neste plan "teñen incluso que recorrer a obras como as das piscinas de Campolongo, a pesar de que se trata dunha concesión a unha empresa privada polo que as reformas non correrán a conta do Concello de Pontevedra" e sinalan que inclúe ademais a rehabilitación integral do pavillón multiusos da Xunqueira en dous apartados diferentes: proxectos en tramitación e tamén en proxectos en redacción.
"O BNG de Lores ten que xustificar a súa pésima xestión ante as denuncias dos veciños do rural, da zona de Mollabao, Campolongo sur ou Lepanto", sinalaron.
Finalmente, para o PP " o único que podemos saber con este novo anuncio son os proxectos comprometidos polo BNG de Lores e que non se van realizar". E citan: 3,5 millóns de euros para a reforma de Loureiro Crespo, 7 millóns de euros para núcleos de centralidade, 700.000 euros para o novo parque urbano de Mollabao ou 700.000 euros para a fase final da reforma da antiga casa consistorial, que foron compromisos anunciados polo BNG en setembro de 2015 e "que non verán a luz no ano e medio que resta de mandato".
Tras este novo anuncio, os populares esixen ao BNG de Lores "que se deixe de tanto maquillaxe e que escoite aos veciños de Pontevedra, que atenda as súas necesidades reais". "As viaxes están ben, os premios están ben, pero non nos esquezamos do día a día dos pontevedreses", sentencian.