Portos de Galicia presentará varias alternativas de pantaláns no porto de Campelo
Por Oskar Viéitez
Os patróns maiores das confrarías de pescadores de San Telmo e Raxó reuníronse este xoves co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, para solicitarlle ao organismo autonómico a dotación de pantaláns no porto de Campelo.
Os directivos das confrarías trasladaron a Durán o interese en que, aproveitando a inminente dragaxe do entorno deste peirao, se axilicen os trámites para instalar pantaláns de modo que os usuarios do porto de Campelo poidan ter uns servizos modernos e da maior calidade.
Tanto o patrón maior de Raxó, Iago Tomé, como o de San Telmo, César Rodríguez, entenden que é unha obra fundamental para aumentar a atender as demandas dos usuarios do porto e a lonxa de Campelo.
O responsable de Portos confirmou que nas próximas semanas dará inicio á dragaxe do fondo da contorna deste peirao e invitou ás confrarías a trasladarlle un listado das embarcacións que utilizan actualmente o porto e as medidas de cada unha delas, de cara a analizar as mellores opcións para esta actuación e propoñer varias alternativas das que as propias confrarías elixirían a que considerasen máis conveniente.
Tanto os representantes dos pescadores e mariscadores como o ente autonómico coincidiron en que a falta de espazo no peirao é unha preocupación, xa que despois da instalacións de pantaláns podería quedar moi reducido de forma que podería haber problemas para acomodar todas as embarcacións que atracan actualmente no peirao.
Durán amosou un "compromiso total" neste proxecto polo que respecta a Portos de Galicia e confirmou que o proxecto podería estar listo nun breve prazo de tempo se a actuación non é de gran complexidade técnica, polo que convidou ás confrarías a apostar por unha solución que non precise involucrar a outras administracións.