VÍDEO.- "Se alguén che fai tilín e o queres namorar, faille as beiras en galego, de seguro ligarás"
Por Redacción
"En galego! Xa! Si!". É o refrán da canción 'O rap da lingua', que forma parte do libro-CD-DVD Canta Connosco! de Kalandraka e, con motivo da próxima celebración do Día Europeo das Linguas este martes 26 de setembro, o grupo Migallas Teatro gravou un videoclip para a súa difusión.
Gravado polos integrantes de Migallas e pontevedreses participantes nos seus talleres de expresión dramática 'Á procura do tesouro', anima a falar galego en todos os ámbitos da vida e a sociedade. "Falemos a nosa lingua, que é unha lingua moi moderna, nas escolas e nas casas, nas cidades e aldeas", reivindica.
Para chegar ao público máis novo, tamén anima ás persoas de idades máis temperás a usalo e a que os seus pais o usen con eles, con frases como "Aínda hai pais que non lle falan aos seus fillos en galego porque pensan que é unha lingua para pobres e paletos. Aos teus pais animarás a falarche en galego, que non che van sair grans, nin tampouco cae o pelo".
Xa máis enfocado na mocidade, recolle que "hai rapaces e rapazas que ao ir ao instituto non queren falar galego porque din que é montuno, mais se alguén che fai tilín e ou queres namorar, faille as beiras en galego, de seguro ligarás". Lembra, ademais, que "que falemos en galego é unha cousa natural, como a chuvia non inverno e a calor non verán".
O videoclip realizouno José Miguel Sagüillo. A música, letra e voces son de María Campos e Carlos Yus. Os arranxos realizounos Paco Dicenta. Os coros son de Lucía Costa e Eva María Troitiño e tamén participan no disco Paco Dicenta, Xosé Manuel Budiño, Francisco Bouza, Guillermo Fernández e Suso Elías Quiroga.
E xa saben todos os lectores: "Aínda que o fales todo o día non che pode sentar mal, nin da mocos nin da febre, fai a proba xa verás".