Louro afirma que na antiga sede da Xunta só se podería construir un edificio de 12 vivendas
Por Redacción
O tenente de alcalde, Antón Louro, anuncia que o Concello está disposto a colaborar no aproveitamento dos terreos da Xunta de Galicia a raiz da proposta realizada polo delegado territorial da administración autonómica, José Manuel Cores Tourís.
Corres Tourís sinalaba que estudarían buscar un acordo co goberno local para recualificar a antiga sede da Xunta na rúa Benito Corbal para destinar ese soar a vivendas. Antón Louro afirma que "entre ambas administracións deberiamos abordar unha negociación global do patrimonio e redefinir usos de cara ao futuro".
Pero neste sentido, establece que debe ser un acordo que afecte a todos os edificios que a entidade autonómica ten en desuso na cidade: "Nós estamos dispostos a abordar unha negociación global. Benito Corbal, Sanidade na Avenida de Vigo, o edificio das Palmeras onde teñen algún local e ten máis espazos na cidade que tratar".
Louro sinalou que a recualificación por separado do edificio da rúa Benito Corbal 45 é inviable tanto dende o punto de vista urbanístico e legal como económico. No soar de 788 metros cadrados terían que encaixarse espazos libres, zonas verdes, equipamentos, beirarrúas e seis prazas de aparcadoiro en superficie. Desta forma, a construción dun edificio novo nese punto sería só para 12 vivendas.
O concelleiro de Urbanismo indicou que por parte do concello pontevedrés existe a mellor disposición para chegar a acordos coa Xunta de Galicia que poidan beneficiar ás dúas administracións.