Os alumnos de Forestais fan prácticas virtuais nun simulador 3D único en España
Por Oskar Viéitez
Todos estamos acostumados a oír falar de simuladores de voo, de condución, de navegación, pero a tecnoloxía virtual chega tamén a sectores como o da madeira, converténdose nun importante apoio para a formación dos futuros enxeñeiros e enxeñeiras forestais.
Con este obxectivo, un primeiro grupo de estudantes da Escola de Enxeñaría Forestal puideron xa tomar contacto con estes simuladores de procesadoras e autocargadores forestais, grazas ao convenio asinado hai unhas semanas entre a Universidade e Confemadera Hábitat Galicia.
Nesta primeira visita ao centro Integrado de Formación Profesional en Santiago de Compostela, estes alumnos puideron realizar prácticas sobre labores de tala e extracción da madeira, habituais no monte galego.
O simulador forestal empregado polo alumnado foi deseñado pola empresa británica Komasut, pioneira na tala mecanizada, e é de última xeración. Conta cun sistema multipantalla e permite a simulación en diferentes escenarios, mediante o uso dunha plataforma móbil oscilante que recrea as pendentes e os distintos tipos de terreo do monte galego. Polas súas características é único en España.