Podería acabar a illa de Tambo no Parque Nacional das Illas Atlánticas?
Por Redacción
A resposta á pregunta exposta no titular sería si pero, segundo os socialistas, non é posible se a Xunta de Galicia non pon en marcha medidas urxentes de recuperación ambiental da illa de Tambo, que permitan a súa incorporación ao Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Así o reclamou a deputada Patricia Vilán, que mediante unha pregunta presentada no pleno do Parlamento galego, criticou o "desleixo" do goberno galego á hora de recuperar este espazo, actualmente en propiedade do Ministerio de Defensa e que se atopa invadido por eucaliptos, mimosas, avespas velutinas e visóns americanos.
Todas esas especies, denunciou a socialista, teñen desprazado á fauna e flora autóctonas.
Vilán recordou que o goberno galego nin sequera participa na comisión creada para que a illa deixe de pertencer a Defensa e pase a ser de uso público.
Ademais, asegura que a Xunta non ten tomado medidas de protección, mantemento e reconstrución da arquitectura coa que conta o enclave, entre elas unha capela do século XVIII, as ruínas dun lazareto do século XIX, restos de petróglifos, un faro dos anos 30 e unha comboa.
Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente, respondeu que unha medida efectiva para garantir a conservación da illa de Tambo sería iniciar a redacción dun Espazo Natural de Interese Local (ENIL), que debe ser impulsada dende a administración local e que implica a presentación dun completo plan de conservación para o espazo.
Neste sentido, indicou que o seu departamento que dirixe ten a man tendida para escoitar e avaliar as propostas que cheguen, que serán analizadas para ver que cumpren os requisitos medio ambientais, así como os valores e hábitats que puideran existir nesa zona.
Aclarou que polo momento non consta ningún tipo de documentación que poña de manifesto que na illa de Tambo, que xa está protexida dentro do Plan de Ordenación do Litoral, se reúnan valores naturais sobresaíntes, que farían que se lle outorgase unha figura de protección especial, como acontece con outros espazos naturais.
Ademais, Mato tamén recordou que nas Directrices da Paisaxe, que serán aprobadas no vindeiro ano, determinaranse as medidas específicas a tomar e as actuacións a desenvolver nesa zona.
Relacionadas:
-
O faro da illa de Tambo, a revisión
Por Redacción |
-
A Escola Naval reactiva as visitas á illa de Tambo
Por Oskar Viéitez |
-
Que impacto tería depositar 330.000 metros cúbicos de lodos entre a illa de Tambo e Campelo?
Por Oskar Viéitez |
-
Quince anos despois da súa desafección instan o Concello de Poio a que pida a transferencia de Tambo
Por Redacción |
-
Primeiro encargo para a ministra Cospedal: resolver a situación da Illa de Tambo
Por Redacción |