Homenaxe ás vítimas da represión franquista en Lérez
Por Redacción
A Casa da Cultura de Lérez acolle este sábado, ás 19.30 horas, a homenaxe ás vítimas da represión franquista na parroquia. O historiador Xosé Álvarez Castro, a escritora e xornalista Montse Fajardo e o concelleiro de Memoria Histórica, Luis Bará serán os encargados de recordar algúns dos episodios máis tristes que se viviron en Lérez durante o ano 36 e os que viñeron despois.
O acto estará amenizado por alumnos da escola de gaitas dos Gaiteiros das Rías Baixas.
Lérez foi unha parroquia onde a xente traballadora loitou por mellorar as súas condicións de vida a través do asociacionismo, contando con entidades pioneiras como a Sociedad de Agricultores, fundada en 1896, a Juventud Lerezana (1929) ou desde 1925 a súa propia entidade financieira, a Caja Rural de Lérez.
A proclamación da II República colleu a Lérez con moito camiño andando na procura de melloras para a xente humilde, pero os seus avances víronse freados polo golpe de Estado do 36, que trouxo consigo unha cruenta represión sobre moita da veciñanza e quebrou os soños de prosperidade de toda a parroquia.
O espolio económico sobre a veciñanza só foi a punta do iceberg. O dinamismo da parroquia converteu a moitas veciñas e veciños en obxectivo do fascismo e os dirixentes de esquerda acabaron pagando a súa iniciativa con importantes penas de prisión e mesmo coa vida.
Faustino Gama Casalderrey, Juan Magdalena García, Víctor Moldes Carro, Manuel Dios Costado, Andrés Rey Rey e Albino Sánchez Leiro, casado coa veciña de Lérez Carmen Casalderrey Dios, foron asasinados polos golpistas mentres que José Rey Rodríguez morreu cumprindo condena no penal de Burgos.
Coma el pasaron polos cárceres franquistas outros veciños da parroquia recuperados do esquecemento polo traballo de Álvarez Castro: Ramiro Almón Abelleira, Custodia, Alejandro e Manuel Gama Casalderrey, José Argibay García, José Arribas Hermida, Rogelio Bugallo Orozco, César e Manuel Buján Rivas, Manuel Calvo Lores, Laureano Casalderrey Otero, Ángel Casalderrey Tilve e o seu irmán Claudio, Manuel Casalderrey Viéitez, Reinaldo Cuerdo Ben, Castor Pérez Peón 'O Labaradas', Celestino Poza Argibay, José Rodríguez Pereira, María Luísa Rodríguez Pereira, a Chinita ou Teodoro Vázquez, entre outros.
Este acto de recoñecemento ás vítimas busca ser unha homenaxe á xeración segada pola barbarie e sobre todo, un recoñecemento á semente que deixaron para que xermolara con forza nesta parroquia, que foi quen de recuperar o edificio da Juventud Lerezana, outorgando a esperanza de que aínda non é tarde para retomar o seu legado.
Relacionadas:
-
O Pazo provincial acollerá varios actos institucionais de "reparación da memoria histórica"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP volve quedar fóra doutro acordo sobre o Pazo de Meirás
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Piden ao Concello que recupere o cruceiro que a corporación de 1938 lle regalou a Franco para o Pazo de Meirás
Por Oskar Viéitez |
-
O pleno aproba dúas mocións reclamando a recuperación do Pazo de Meirás co apoio de todos os partidos excepto o PP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O museo Manuel Torres acolle durante setembro a mostra 'Rexas. Mulleres baixo o terror franquista'
Por Redacción |