Reforma sanitaria, velutinas, despedida a catro deputados e IPads
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Plataforma pola Sanidade Pública do Salnés recibiu o apoio explícito do goberno da Deputación de Pontevedra nos seus postulados en contra da reforma da Lei de Saúde na que, entre outros asuntos, derrógase a área sanitaria do Salnés que pasará a ser distrito de Pontevedra. Este posicionamento foi abordado no pleno deste venres 29, horas antes da manifestación de Vilagarcía.
A presidenta da xunta de persoal da área sanitaria, Rosa Casal, deu lectura a un texto no que pedía á Xunta a retirada do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde. SOS Sanidade argumenta a súa oposición á modificación desta lei na redución das áreas sanitarias ademais de que consolida a exclusión da atención primaria, fai inviable a participación social, entre outros prexuízos para o actual sistema público.
STOP VELUTINA
Tamén interveu ao comezo do pleno, Laura García Sáez, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura (AGA) que expuxo a "desastrosa" situación que atravesa o sector con motivo da presenza da avispa velutina que pode levar á "desaparición da apicultura como oficio".
"Temos que convivir con ela, non a imos a poder erradicar", asegurou Laura García "pero non coas actuais ferramentas", polo que reclamou un "plan de trampeo primaveral masivo e coordinado de febreiro a maio", un plan de choque a curto prazo, que veña acompañado dunha campaña divulgativa e informativa. Tamén demandou "que se potencie a investigación científica" para que traballe na procura dunha feromona inocua para o medio ambiente que free a expansión desta especie. Finalmente solicitan un "sistema de axudas para os sectores apícola e frutícola", principais afectados por esta praga.
"Rogo que insten a Xunta a que se tome en serio o problema cun plan de loita real e efectivo, co financiamento e o seguimento que esixe un problema tan grave como este", concluíu a representante de AGA.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva asumiu as demandas expostas e anunciou que a administración provincial ten prevista a firma de dous convenios neste sentido, un coa Universidade de Vigo e outro coa Asociación Forestal Galega.
SUBSTITUCIÓN NAS FILAS DO PP
Neste segundo pleno do mes de setembro tamén se fixeron efectivas as renuncias aos seus escanos de catro deputados do Partido Popular que serán substituídos por outros compañeiros de partido.
Polo partido xudicial de Ponteareas a substitución faise entre o ex alcalde de Mondariz, Julio Alén, e a concelleira de Ponteareas Belén Villar; polo de Pontevedra deixa o escano a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, para cederllo ao rexedor da Lama, Jorge Canda, e dentro dese mesmo partido xudicial pola comarca do Morrazo vaise o ex primeiro edil de Cangas, José Enrique Sotelo, e incorpórase o portavoz do PP de Moaña, José Fervenza.
O máis rechamante é a substitución da ata agora portavoz provincial dos populares, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que cede o seu escano polo partido xudicial de Tui ao portavoz do PP en Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez Davila.
O PP PIDE MÁIS APOIO ECONÓMICO PAR OS GES
O grupo provincial do Partido Popular pediu á Deputación, Luis Aragunde, que asuma o custo que achegan os concellos base para o funcionamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que son Valga, Baiona, A Garda, Ponteareas, A Estrada-Lalín e Sanxenxo.
Luis Aragunde destacou que é "fundamental" que os recursos que os concellos base están a gastar actualmente no mantemento dos GES "poidan destinarse a outras partidas, sobre todo porque non é competencia súa". Segundo o portavoz popular, "o que temos agora é que os concellos reciben menos apoio económico da Deputación e por encima están a pagar servizos que lle corresponden a ela".
A moción foi rexeitada polo PSOE e o BNG. A mesma sorte que correron outras dúas mocións do PP una demandando un plan para a Finca de Mouriscade e outra solicitando transparencia do grupo de goberno.
UN IPAD PARA CADA DEPUTADO
No seu camiño para reducir o uso do papel para a plena implantación da administración electrónica a Deputación de Pontevedra vai dixitalizar todos os contidos dos Plenos. Entre outras consecuencias iso implica que os membros da corporación provincial empezarán a manexar un IPad, que lles brindará a propia institución. Para aprender a manexarse con estes dispositivos os técnicos informarán os deputados do seu funcionamento.