Reforma urbana na Seca e un novo parque ao carón do CGTD, novos proxectos do Concello
Por Redacción
O primeiro treito da rúa da Seca, entre Casimiro Gómez e Xosé Malvar, súmase aos proxectos de reforma urbana que impulsa o Concello de Pontevedra. Así o explicou este venres o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, tras reunirse cos veciños do barrio.
Nel, ampliaranse as beirarrúas e reducirase a vía de circulación a un só carril, que manterá o seu sentido cara Monte Porreiro. Ademais, reservarase unha parte para estacionamento de servizos xa que, segundo o edil do BNG, os veciños asistentes á reunión pediron expresamente que non querían prazas de aparcamento libre.
Na zona, o Concello tamén creará un novo parque. Trátase do axardinamento da parcela situada ao carón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) no Camiño Vello de Castela. Preténdese recuperar este espazo verde a cargo da contrata de xardíns.
Nesta parcela a Concellaría de Parques pretende crear un espazo que sexa moi empregado por todos os pontevedreses, no que poida pisar a herba ou gabear as árbores, cando estas estean crecidas. Disporá de sete especies distintas de árbores e grandes arbustos que proporcionarán cor durante todo o ano e serán de folla perenne; un sendeiro central, unha fonte e bancos.
Tamén estará ben iluminado no centro. Neste momento, a Concellaría xa ten a terra coa que fará diferentes alturas na parcela, para comezar a traballar nela.
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, confía en que as obras poidan estar rematadas antes de final de ano.
Relacionadas:
-
A reforma na Seca arranca pola zona verde xunto ao CGTD
Por Redacción |
-
340.000 euros para mellorar a contorna da rúa da Seca
Por Redacción |
-
O Concello, disposto a incluír Lepanto nun próximo ciclo de obras
Por Alejandro Espiño |
-
O modelo de mobilidade de Pontevedra se universaliza e chegará a Cerponzóns e A Seca
Por Natalia Puga |