Bueu insta á Xunta a adoptar máis medidas contra a presenza da avespa velutina
Por Redacción
O pleno da corporación municipal de Bueu por unanimidade decidiu votar a favor dunha moción na que se esixe unha maior investigación e apoio económico e humano por parte da Xunta de Galicia ante a invasión da avespa velutina.
A proposta foi presentada polo portavoz do grupo socialista, José Manuel Vilas, que insta o goberno galego á creación dunha comisión de seguimento, a incrementar as liñas de investigación, á loita preventiva e á posta en marcha dun programa de divulgación e formación sobre esta especie invasora, que está a afectar ás Rías Baixas e a toda Galicia.
Durante o pleno, Xosé María Bello, integrante da Asociación Galega de Apicultura, interveu para explicar a preocupante problemática que se está rexistrando pola presenza da avispa asiática.
No que vai de ano, xa se retiraron 112 niños desta avispa e 1800 exemplares de raíña. Ademais colocáronse 110 trampas, que precisan un seguimento de entre cinco e dez días. Belo indicou que son os municipios e as asociacións os que están a investir en medios humanos e económicos para facer fronte a este problema e reclamou unha maior atención por parte da Xunta de Galicia. Todos os grupos da corporación chegaron a un acordo e votaron a favor da moción.
FESTIVIDADES LOCAIS
No pleno aprobábanse tamén os festivos locais para 2018, que serán o 16 de xullo, festividade da Virxe do Carmen e o 30 de novembro, con motivo da constitución do Concello de Bueu. O alcalde defendeu esta postura alegando que queren poñer en valor á institución municipal e a data é moi próxima á de San Martiño. Félix Juncal anunciou que se creará unha comisión para organizar os actos institucionais desta data que "será máis que un festivo local".
A proposta foi aprobada polo BNG, cos votos en contra do PP e as abstencións do PSOE e de ACB-SON. Os populares eran partidarios de manter o Martes de Entroido, como en anos anteriores. Xullo Villanueva, portavoz de ACB-SON, propoñía o 29 de outubro, data na que se asinou a creación do Concello.
No pleno tamén quedou constancia da orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que aproba de forma definitiva o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Bueu.