Unha fin de semana para a exaltación da navalla en Lourido
Por Diego Espiño
A praia de Lourido será escenario durante a fin de semana da V Festa de Exaltación da Navalla, organizada pola Asociación Amigos da Navalla de Lourido.
A previsión dos organizadores é despachar durante o sábado 7 e o domingo 8 de outubro ata 800 quilos deste marisco nas súas diferentes preparacións.
Así os que acudan á carpa instalada na avenida da praia poderán degustar racións de navallas á prancha (8 euros), de tortilla de navallas (3 euros ración e 10 euros completa) e empanada de navallas (4 euros a ración).
Son os mesmos prezos que na pasada edición, cun lixeiro incremento no polbo (9 euros) que completa o menú gastronómico.
A Festa da Navalla é con cinco anos de vida unha celebración "xa consolidada non panorama de festas grastronómicas do municipio", sinalou a concelleira de Festas de Poio, Lidia Salgueiro.
A apertura da carpa realizarase ás 12:30 horas en ambas as dúas xornadas, ata o peche, e contará con amenización musical a cargo de grupos de gaitas e música tradicional e tamén, e as 23:30 horas do sábado, coa actuación do Grupo Azabache.
Na presentación do evento Salgueiro lembrou ademais que se habilitarán dúas zonas de aparcadoiro, a habitual da praia de Lourido e o parking de empregados de Distribucións Froiz, cedido para a ocasión.