Ramón García: "Había 20 anos que non viña a Pontevedra e atopei unha cidade moi cambiada, moi bonita"
Por Alejandro Espiño
Leva desde setembro á fronte das tardes da cadena COPE, pero a Ramón García (Bilbao, 1961) coñecémolo, sobre todo, pola súa carreira televisiva. Recoñece estar "moi cómodo" nun medio, a radio, na que comezou fai case trinta anos. Con este novo programa, La tarde de COPE chegaba ao Café Moderno de Pontevedra. Alí esperábao unha audiencia entregada desde o primeiro momento.
E como non podía ser doutro xeito, Ramón García conduciu un programa con marcado acento local. Desde unha entrevista ao alcalde de Pontevedra para falar do modelo de cidade, a Carmen Fouces pola RedeAxuda, a Driss O Mokarrabe, xogador de rubgy do Mareantes, ou a PontevedraViva para explicar o seu proxecto ante os seus micrófonos. Ao término do programa, foi o propio locutor o que se sometía a unha breve entrevista connosco
Foi unha visita fugaz (chegaron a tarde anterior ao programa e marcháronse ao finalizar), pero tiveches tempo de coñecer Pontevedra?
Algo si (ri). Chegamos onte á noite e demos un paseo. E aproveitamos tamén cando viñamos para a emisora. Pero Pontevedra xa a coñecía. Facía igual 20 anos que non viña e a verdade é que me atopei unha cidade moi cambiada. Unha cidade máis para andar, deume esa impresión. Gustoume moito como está Pontevedra.
E nos vos marchades, imaxínome, sen probar a nosa gastronomía. Aínda que sendo vasco, de boa comida andarás sobrado...
Home, aí andamos, eh? Tedes vós cousas que só hai aquí e cociñádelas como só vós sabedes facer. Aquí a gastronomía é un punto importante, que che vou a dicir a ti que es de aquí. Eu gózoo moito. Son de bo comer.
Pontevedra é a terceira saída que fai La tarde de COPE esta tempada. Que tal está resultado esta experiencia?
Ben, porque a xente ve un pouco como traballas e pon en valor como se fai un programa de radio. ÿ moito máis estático que un programa de televisión, que estás afeito a dar brincos por todos os sitios. Pero así se fai un programa de radio. Ás veces non é fácil porque técnicamente é máis complicado, pero é achegar a cadena COPE á xente da rúa. Achegarlle á xente que nos escoita, que poida coñecer e saudar aos seus locutores.
Ramón García atópase cómodo nesta etapa profesional?
"Eu son un home de radio, empecei nela e polo tanto estou seguindo o que empecei"
Eu son un home de radio, empecei nela e polo tanto estou seguindo o que empecei. A verdade é que estou moi contento. ÿ un magazine moi completo, xa o escoitastes. Con moitos contidos, que cambia moi rápido, cada cinco ou seis minutos. Hai que estar moi pendente de todo, é un programa moi esixente, pero estou moi contento co resultado. Levamos pouco tempo, desde setembro. En radio van as cousas máis lentas, hai que darlle tempo, pero na casa están contentos e as sensacións dos oíntes tamén son boas. Ese é o meu traballo, que a xente estea contenta.
Con tanta actualidade diaria, non sei se botas de menos certa tranquilidade nun programa de tarde como un teu, afeito a un ritmo máis sosegado, máis de análise...
A verdade é que si, imos con ritmo frenético nas novas. Pero o que queremos é pararnos nos problemas, no que está pasando agora en España e en darlle solucións, aínda que ás veces soe algo demagóxico. Intentamos atopar un problema e ver como poder solucionalo. Niso é o que estamos máis centrados. E dentro dese ritmo dámoslle tranquilidade a moita xente.
Ese é o papel que deben xogar os medios nestes momentos?
Eu creo que é a nosa obriga. Contar o que está pasando, contalo ben por duro que sexa e intentar buscar entre ese espectro de cousas unha solución para o que estamos denunciando. Soamente dicir que está a cousa moi mal e marcharnos, quedariámonos un pouco curtos. ÿ bo que denunciemos, pero que intentemos dar cada un, desde nosas propias posibilidades, unha solución. Se conseguimos que unha persoa atope un traballo ou que haxa unha solución para unha empresa xa nos podemos dar por satisfeito.
Recoñeces estar moi cómodo na radio, pero a túa popularidade débese, principalmente, á televisión. Volveremos verte na pequena pantalla?
"Cando xurda un proxecto que ao min me guste e poida compaxinalo coa radio, volverei á tele"
Foron moitos programas e moitos anos. Son unha persoa que me defendo en ambos medios e agora estou en radio. Pero iso non significa que mañá se hai un proxecto que me interese e teña tempo para facelo non poida compaxinalo, por difícil que sexa.
E te ves na televisión actual?
ÿ unha televisión distinta, iso está claro. Non hai tantos formatos como na época miña, cando eu presentaba tantos. Formatos grandes e moi familiares. Agora manda a situación económica. Os programas son máis pequenos, hai outro ritmo de traballo e hai máis xente que vai ocupando o seu oco. Pero si me vexo presentando algo. Eu sempre, e os directivos da televisión sábeno, estou en activo. Cando xurda un proxecto que ao min me guste e poida compaxinalo coa radio, volverei á tele.