Sanidade nega o peche de camas en Montecelo: "Hai certa holgura para ingresar"
Por Redacción
No hospital Montecelo "non hai camas pechadas". Así de contundente mostrouse o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, ante as críticas dos sindicatos. Asegura que "cando hai necesidade" utilízanse todas as camas dispoñibles no complexo pontevedrés.
"Neste momento hai certa folgura para ingresar", explicou Vázquez Almuíña durante a inauguración en Pontevedra das VI xornadas galegas de hospitalización a domicilio.
Para o responsable de Sanidade, é "bo" ter "certo número" de camas sen utilizar para aproveitalas durante "picos" que poida haber en momentos "puntuais".
Iso si, o conselleiro recoñeceu que en Montecelo producíronse recentemente situacións de "colapso" que achacou á falta de espazo no servizo de urxencias, o que implica que o traballo dos profesionais non sexa "áxil".
Alí xúntanse moitos pacientes "á espera de probas", para determinar se deben ser ingresados ou non, unha situación que se resolverá coa ampliación de Montecelo, que permitirá "multiplicar" a superficie de urxencias, logrando que a atención mellore "de forma notable".
Por iso, Vázquez Almuíña fixo un chamamento aos pontevedreses para que estean "tranquilos" ante un posible ingreso, porque as camas "non están nunca pechadas".
Á hora de reducir os ingresos e contribuír a mellorar as cocientes de ocupación, o conselleiro explicou que nos primeiros oito meses do ano xa se beneficiaron da hospitalización a domicilio máis de 4.000 pacientes.
Esta debe ser, dixo, unha "liña de traballo" de cara ao futuro na área sanitaria de Pontevedra para as obras do Gran Montecelo.
Entre as vantaxes deste tipo de hospitalización, o conselleiro citou a mellor satisfacción do paciente, a súa participación e implicación e a da súa familia nos coidados médicos, a mellor evolución da enfermidade, a maior humanización da asistencia, a diminución de casos de dependencia do hospital, a desaparición das infeccións intrahospitalarias e a diminución da frecuencia das visitas a urxencias.
Relacionadas:
-
O Gran Montecelo terá un novo edificio en zigzag e 1.400 prazas de aparcamento
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
María Rey esixe que se reabran as camas pechadas en Montecelo e o Provincial
Por Redacción |
-
Prosagal pide o apoio dos partidos políticos ante a saturación dos centros hospitalarios
Por Redacción |
-
Advirten de que a prolongación do peche de camas redunda na calidade asistencial
Por Oskar Viéitez |
-
Prosagal denuncia saturación en Urxencias e Reanimación debido á falta de camas
Por Redacción |