Os petróglifos de Ponte Caldelas darán nome ás rúas do polígono da Reigosa
Por Redacción
Sete anos despois da súa inauguración, as rúas do polígono industrial da Reigosa seguen sen nome. Pero non será por moito tempo. O Concello de Ponte Caldelas tomou a decisión de bautizar todo o rueiro cos nomes das distintas estacións de petróglifos espalladas polo municipio, converténdoo así nun catálogo da riqueza da arte rupestre.
A iniciativa do goberno local será presentada no próximo pleno. O alcalde, Andrés Díaz, agarda que en pouco tempo as novas placas estean xa colocadas.
As empresas asentadas no polígono, segundo o Concello, mostraron a súa disposición a aceptar esta denominación, a pesar de que a iniciativa obriga a realizar algúns trámites administrativos, pois ademais do domicilio afecta tamén á sede social e fiscal dalgunhas delas.
O alcalde agradece explicitamente ao historiador Buenaventura Aparicio ter presentado esta suxestión ao Concello e tamén ao empresariado por tela aceptado. Ponte Caldelas converterase, deste xeito, no primeiro municipio que dedica o seu rueiro á promoción e difusión do seu patrimonio arqueolóxico.
"Creo que é unha idea magnífica, pois ademais de que ten un custo moi reducido, o que sempre é importante nun concello pequeno, é un fito moi significativo para a posta en valor dos nosos valores máis culturais", afirma Díaz.
A meirande parte das rúas levarán nomes correspondentes ás estacións de observación da área arqueolóxica de Tourón, pero haberá tamén rúas para outras pedras moi singulares e coñecidas internacionalmente polos estudosos da arte rupestre como a Laxe do Barón (situada en Forzáns), Laxe da Irena (Parada) e a Afiada dos Legóns e a Pedra do Cervo (Cuñas).
O resto das rúas levarán os nomes das estacións de Tourón. Así haberá rúas do Outeiro da Forcadela, Outeiro do Pío, Coto da Cubela, Laxe das Sombriñas, Laxe das Cruces, Coto da Siribela, Nabal de Martiño, Coto da Veiguiña e O Recosto.
O Concello xa dispón do plano correspondente e decidiu asignar as dúas principais rúas do polígono á Laxe das Sombriñas e ao Nabal de Martiño, ao tratarse das dúas laxes máis significativas de Tourón.
Relacionadas:
-
Cambio de placas no rueiro de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A arte rupestre de Pontevedra xa ten APP propia
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas denuncia que a Xunta segue a bloquear a Central de Transportes
Por Redacción |
-
Os alumnos do colexio San José visitan os petróglifos de Tourón
Por Redacción |
-
Cuntis recibe unha subvención para a limpeza superficial de rochas con arte rupestre
Por Redacción |
-
Máis de 50 persoas participaron nunha xornada sobre o turismo arqueolóxico
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas esixe á Xunta que desbloquee a situación da Central de Transportes
Por Redacción |
-
Nova empresa para o polígono da Reigosa: Egasen creará dez postos de traballo
Por Redacción |
-
Unha firma de elaborados de peixe vai instalarse na Reigosa creando 42 postos de traballo
Por Redacción |