Non chegou aos trinta. Puido dedicarse á Educación Física, pero unha videocámara interpúxose ante aquela intención cando estudaba 4º da ESO. Marchouse a Coruña -a súa segunda casa, di-, para formarse nesa vocación e os seus primeiros primeiros pasos no ámbito profesional van xunto a un cura televisivo chamado "Pai Casares". Así que se se fala de Pablo Cacheda de Paz, non se pode deixar de lado o deporte.
Aquela idea de dedicarse á Educación Física, viña do tenis, do que segue sendo avezado xogador e foi profesor. As canchas do Mercantil foron e son testigas de ambas facetas. Unha experiencia da que saca unhas conclusións, que aseguro, cando menos, farían pararse a pensar a calquera proxenitor que encamiñe aos seus descendentes por esta disciplina deportiva.
Doutra parte a ligazón ao fútbol, como afeccionado máis que como xogador inicialmente, segundo recoñece na Playlist de PontevedraViva Radio. E especialmente ao Pontevedra CF. Un día chegou a Pasarón, en plena fase de ascenso, o espírito granate enganchouno e montou a peña "Referencia granate". Seis anos á fronte daquela criatura na que investiu horas libres, horas de clase, diñeiro e moita afección.
E de man, ou do pé, do fútbol chegoulle un compañeiro de rodaxe e a día de hoxe un dos seus mellores amigos: Santi Romay. Coñeceuno nunhas "pachangas" entre compañeiros de empresa e propúxolle participar no seu proxecto de maior envergadura: a webserie "Clases do social".Adianta que haberá unha terceira tempada, avisados quedan os seguidores. E os que non, só teñen que buscar as dúas previas nesta fiestra ao mundo chamada internet.
Outras clases na que tamén levou a voz cantante son as do proxecto "Pontevedra rodando" da Film Commission. Aí un Pablo "profesor", ensina e aprende de persoas de 50, 40 ou 16 anos. Nesta experiencia ninguén pregunta a idade, algo que si suscita receos no seu ámbito profesional se tes menos de trinta anos e levas o cartel de director.
Con Pablo Cacheda 'Volvemos a primera', que ninguén leve a engano, non falamos de fútbol, senón da súa produtora.