O CHOP logra 12 candidaturas finalistas nos premios "Best in class 2017"
Por Redacción
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra vén de acadar 12 candidaturas finalistas aos premios "Best in Class 2017", galardóns que convoca anualmente a publicación especializada Gaceta Médica, xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos.
Os premios teñen como principal obxectivo recoñecer publicamente os mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de todo o ámbito nacional, tanto públicos como privados, destacando a excelencia na atención ao paciente e o bo facer dos profesionais sanitarios.
Nas súas respectivas categorías, en total foron 12 os servizos e procesos asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) os que resultaron elixidos finalistas: o servizo de Dermatoloxía, o de Farmacia Hospitalaria, o de Alergoloxía e Inmunoloxía, o de Reumatoloxía, Medicina Interna, como servizo e pola sección de procesos infecciosos, pola atención do VIH-Sida e con gran peso no programa de formación dos Médicos Internos Residentes; Psiquiatría, como mellor servizo no tratamento da esquizofrenia; Dixestivo, pola súa atención á Hepatite C e á patoloxía dixestiva, e o complexo en si mesmo por sendos plans de humanización e de formación MIR.
A concesión destes premios está baseada fundamentalmente na puntuación obtida polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente (ICAP), que se establece a partir da análise multivariable dos datos recollidos nos cuestionarios de autoavaliación cubertos polos hospitais e centros de Atención Primaria.
Gañadores e finalistas formarán parte da Guía dos Mellores Hospitais e Servizos Sanitarios que a organización dos premios BIC edita anualmente.
O acto oficial da entrega dos galardóns, que este ano acadan a súa duodécima edición, terá lugar o vindeiro 24 de outubro en Sevilla.
Relacionadas:
-
O servizo de dermatoloxía do CHOP segue a acumular premios
Por Redacción |
-
O CHOP edita unha guía sobre hixiene de mans dirixida a profesionais e usuarios
Por Redacción |
-
A unidade de atención á psoríase de Pontevedra, todo un referente nacional
Por Redacción |
-
O xerente do CHOP, premiado polo seu labor en relación coas enfermidades pouco frecuentes
Por Redacción |
-
Nove servizos do CHOP seleccionados entre os cinco mellores de España
Por Redacción |