A Lama mellora os accesos á praia fluvial do Verdugo
Por Redacción
Unha axuda da Axencia Galega de Turismo, que alcanza os 50.000 euros, permitirá ao Concello da Lama afrontar unha intervención integral na praia fluvial do río Verdugo.
As obras que están a acometer os operarios consisten no pavimentado en pedra desde o acceso principal desde a estrada ata o areal coa colocación dunha fonte pétrea na marxe esquerda da entrada.
Ademais, farase unha ordenación ornamental da zona coa creación de noiros e zonas verdes que permitirán unha maior vistosidade desta paraxe natural.
Os traballos complementaranse coa colocación de novas duchas, asadores e unha maior conectividade entre os distintos espazos verdes do lugar coa construción de ramplas para facilitar o desprazamento de persoas con mobilidade reducida.
O proxecto que se está executando prevé tamén a creación dunha zona de aparcadoiro na entrada da praia fluvial, que estará perfectamente delimitado e sinalizado para un mellor aproveitamento do espazo dispoñible.
Tamén se colocará un gran panel explicativo dos servizos cos que conta esta praia fluvial de augas de altísima calidade que conta co cualificativo de "excelentes" nas distintas análises que realizan a autoridade competente na materia.
Ademais, acometerase a ampliación dos baños existentes co fin de poder adaptalos perfectamente para persoas con algún tipo de discapacidade.