O PP presenta os orzamentos afirmando que "Feijóo cumple lo que promete"
Por Redacción
Os deputados populares no Parlamento de Galicia, Jacobo Moreira e Lupe Murillo, destacaron os investimentos en materia de infraestruturas, ámbito social e deportes que se van a destinar a Pontevedra por parte da Xunta de Galicia nos orzamentos previstos para o vindeiro ano 2018.
Moreira destacou os investimentos que se realizarán pola administración autonómica no campo xudicial con 8,5 millóns de euros que se investirán no novo edificio xudicial da Parda, que se espera que estea finalizado no último tramo de 2018, e os 300.000 euros que se achegarán á mellora da Audiencia Provincial.
O parlamentario popular tamén fixo referencia aos 4,8 millóns de euros para os proxectos do Gran Montecelo cuxa obra se espera que poida iniciarse en 2019. O edificio de espazos públicos de Benito Corbal, antiga sede da Xunta, contará cun orzamento para o próximo ano de 3,8 millóns de euros á espera de que estea finalizado no primeiro trimestre de 2019.
A interconexión da estación do tren coa de autobús contará con máis de 800.000 euros, cunha obra que está prevista para o segundo semestre do próximo ano. A variante de Alba terá un orzamento de 500.000 euros, segundo explicou Jacobo Moreira porque se atopa en fase de modificación e estanse adaptando os cambios que solicitaron os veciños das parroquias de Cerponzóns e Alba.
O saneamento da ría levará unha partida de 4,1 millóns de euros coa ampliación e mellora da EDAR de Praceres, para o novo emisario submarino e para o plan de saneamento local da ría de Pontevedra.
Pola súa banda, a deputada Lupe Murillo destacaba o incremento previsto en gasto social nestes orzamentos autonómicos e destacou o proxecto da nova residencia de maiores en Pontevedra, ademais da nova oficina do Programa Reconduce.
Murillo tamén quixo facer referencia á área deportiva e ao incremento previsto dun 14% para toda Galicia respecto das cifras de 2016. Para a mellora da accesibilidade ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva investiranse 415.000 euros mentres que para acondicionar os vestiarios da pista de piragüismo de Verducido a cantidade será de 77.000 euros. Por último para o pavillón de ximnasia da Parda, a Xunta poñerá medio millón de euros en dotación de material.
Con estes orzamentos, o presidente local do PP en Pontevedra afirmaba que se comproba que "Núñez Feijóo é de fiar e cumpre o que promete".
Relacionadas:
-
"Non coñezo unha lexislatura como esta para Pontevedra. Será histórica"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Marea Pontevedra asegura que os orzamentos da Xunta "esquecen" moitas das demandas "históricas" da cidade
Por Oskar Viéitez |
-
A violencia de xénero ou a pobreza, asuntos esquecidos pola Xunta nos seus orzamentos segundo Cidadáns
Por Redacción |
-
Para o PSOE pontevedrés os orzamentos da Xunta son "absolutamente decepcionantes"
Por Diego Espiño |
-
O Concello, satisfeito de que a Xunta "levantase o veto" investidor en Pontevedra
Por Diego Espiño |