A historia bélica do século XX a través da literatura, na UNED de Pontevedra
Por Redacción
O Centro Asociado á UNED de Pontevedra organiza do 13 ao 27 de abril o seminario Escritores en Guerra, un curso que pretende achegar a todas aquelas persoas interesadas os principais acontecementos bélicos da historia moderna a través das páxinas dos grandes literatos do século XX.
David Calvo Costal, licenciado en Historia e ponente do seminario, descubriranos a Primeira Guerra Mundial a través das palabras de Ford Madox, Robert Graves e J.R.R. Tolkien. A Guerra Civil Española e a Segunda Guerra Mundial será contada neste caso por un dos mellores corresponsais bélicos de todos os tempos, Ernst Hemingway.
Pola súa banda, David Calvo explicará a Guerra Ruso-Xaponesa e a Revolución Mexicana a través da pluma doutro escritor e xornalista norteamericano, Jack London. E para rematar, as páxinas de Vasili Grossman servirán para ilustrar a Rusia da II Guerra Mundial e e as palabras de Ernst Jünger serán usadas polo historiador para explicarnos a Alemaña das dúas guerras mundiais.
O curso, dirixido a estudantes de historia e a todas aquelas persoas interesadas, terá unha carga lectiva de 12 horas e poderá ser recoñecido con 0.5 créditos ECTS ou un crédito de libre configuración. O seminario celebrarase nas instalacións do Centro Asociado, todos os sábados de 10:00hs a 14:00hs.
Todas aquelas persoas que o desexen poderán formalizar a súa matrícula a través da páxina web da UNED-Pontevedra, chamando por teléfono ao 986851850 ou dirixíndose ao Centro Asociado situado en Monte Porreiro. O importe da matrícula é de 22 euros.