Xa están en marcha os composteiros de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra entregou este luns os máis de 50 composteiros que forman parte do Programa de compostaxe caseiro impulsado polo departamento de Medio Ambiente, en colaboración coa asociación ecologista Adega.
Veciños de Marcón, Mourente e Bora acudiron ao Pazo da Cultura para recibir información útil sobre os aparellos, un pequeno manual e o propio composteiro, un modelo que, ao parecer, é un dos máis resistentes e eficaces do mercado.
A compostaxe consiste nun proceso biolóxico que permite, mediante a fermentación aeróbica, descompoñer e estabilizar a materia para obter humus, que se aproveita para abonar plantas e resulta beneficioso para o propio chan.
Unha educadora ambiental de Adega foi a encargada de explicar as cuestións operativas do programa municipal aos beneficiarios do mesmo.