A ría de Pontevedra será sometida a un plan experimental de retirada de algas
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra, a Consellería do Mar, os concellos de Pontevedra e Poio e as confrarías de Lourizán, Pontevedra e Raxó experimentarán na ría un plan de aproveitamento das algas que o mar arrastra ata as praias para convertelas en compost na empresa Ecocelta, a única planta autorizada na provincia para o tratamento deste tipo de produtos e que está situada en Ponteareas.
No pazo provincial constituíuse un grupo de traballo para desenvolver a proposta, que permitirá a fabricación de compost de clase A.
Segundo explicou a Deputada Provincial, Begoña Estévez, "a acumulación de algas supón un problema para o marisqueo pero tamén para os usuarios das praias, principalmente nas épocas de verán" e comentou, neste senso, que "afecta ós fondos de todas as rías". Por este motivo, a "Deputación brindará o asesoramento técnico para facer este estudo e en función dos resultados do informe valoraremos a forma de poñelo en marcha en colaboración sempre coa Conselleria", concluíu.