"Non sería viable unha peonalización única para Cruz Gallástegui"
Por Oskar Viéitez
"Non sería viable unha peonalización única para Cruz Gallástegui, somos partidarios de actuacións máis globais", afirmou este martes o concelleiro de Mobilidade, Luís Bará.
O pasado mes de decembro un grupo de comerciantes da rúa Cruz Gallástegui iniciou unha campaña de recollida de firmas para solicitar ao concello de Pontevedra a súa peonalización. Tras cinco meses conseguiron reunir as firmas de 36 comerciantes que o venres 5 de abril entregaron no rexistro do concello.
No escrito, que está dirixido ao concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, propoñen para a zona un tratamento similar ao de Michelena.
Antes da reunión que o propio Luís Bará manterá esta tarde cos promotores do escrito desde o goberno local aseguraron que "estudarán con cariño a proposta" pero que terán que "valorar os custos e implicacións".
Bará mostrouse partidario de ampliar a proposta ás rúas Castelao e Daniel da Sota. Pero haberá que elaborar exhaustivos informes sobre as incidencias no tráfico da zona, tendo en conta a presenzas de numerosos garaxes, un hotel e especialmente o Hospital Miguel Domínguez e as dependencias da Policía Nacional.