As primeiras investigacións apuntan a que o incendio no Liceo de Estribela foi provocado
Por Natalia Puga
O incendio que na noite do martes 24 afectou o edificio que albergaba o antigo Liceo Recreativo de Estribela foi, segundo todos os indicios, provocado, pero aínda non puido esclarecerse se se debeu a unha neglixencia ou se, pola contra, foi intencionado.
Axentes da Brigada de Policía Científica da Policía Nacional de Pontevedra desprazáronse este xoves ata o edificio afectado, na parroquia de Estribela, pois o mércores aínda había rescoldos do lume e non era seguro acceder. Tras realizar unha inspección do inmoble, concluíron que todo apunta a que o incendio foi provocado, non tivo unha orixe fortuíta.
As investigacións policiais sobre o ocorrido continúan e agora deberán centrarse en saber exactamente que paso, pois cabe a posibilidade de que a orixe fose unha neglixencia de persoas que ocupaban o edificio a pesar de estar aparentemente abandonado, pero tamén de que se trate da acción intencionada de alguén.
O lume iniciouse pouco antes das 2.00 horas da madrugada no interior do histórico inmoble, de tres plantas e situado no número 81 da avenida Marqués de Valterra, e os Bombeiros de Pontevedra lograron sufocalo sobre as 4.40 horas. Cando xa daban a situación por solucionada e regresaron á base, o lume volveu empezar. Pasaran dúas horas e comezou, aparentemente, ao reavivarse algún rescoldo na madeira. Unha hora máis tarde, estaba de novo apagado.
O edificio do antigo Liceo de Estribela leva anos en desuso. Foi ademais no ano 2012 obxecto de 'okupación' por parte dun grupo de persoas que tentou recuperar o uso social, cultural e de lecer que caracterizaba no seu momento ao inmoble. Na actualidade a Policía manexa a hipótese de que volveu a ser 'okupado'.