Cruz Vermella abre unha oficina en Caldas de Reis
Por Redacción
A cesión dun local por parte do Concello de Caldas de Reis permitirá a Cruz Vermella abrir unha oficina propia no municipio. Así o anunciaron, tras a firma dun convenio, o alcalde, Juan Manuel Rey, e a presidenta provincial de Cruz Vermella, Teresa Álvarez Quicler.
A oficina estará situada no baixo da casa consistorial, desde a que Cruz Vermella comezará unha nova andaina en Caldas.
Para Cruz Vermella, segundo a súa presidenta, sempre foi un dos seus obxectivos prioritarios poder abrir esta oficina, debido ao importante núcleo de poboación que representa este municipio con máis de 9.000 habitantes.
A entidade conta xa coa participación de 132 socios e un pequeno equipo tamén de voluntarios cos que poderán traballar agora desde o propio municipio.
Teresa Álvarez Quicler explicou que Cruz Vermella creará un grupo estable de voluntariado na zona, traballará coas persoas maiores do municipio, a través da teleasistencia, talleres de memoria, estimulación física, ou acompañamentos; ou formará á poboación con cursos de primeiros auxilios, coidadores de persoas dependentes ou atención á infancia.
Ademais, ofrecerá apoio aos cidadáns fronte á actual crise socioeconómica, realizará actividades orientadas á procura de emprego e establecerá un grupo de Cruz Vermella Mocidade para traballar con nenos en dificultade social dando apoio escolar, comprar material ou impulsar actividades de lecer e tempo libre.