A ONCE ensinará ao persoal do Museo como tratar ás persoas cegas
Por Oskar Viéitez
O Centro de Recursos Educativos da ONCE de Pontevedra impartirá este luns formación en técnicas de acompañamento, guía e trato de persoas cegas ou con discapacidade visual grave ao persoal do Museo Provincial.
Un total de 25 persoas pertencentes ao persoal do Museo, entre elas os guías profesionais da entidade, asistirán a esta xornada, que será impartida pola técnico de rehabilitación, Marisol González Pérez.
Os asistentes recibirán formación teórico-práctica. Os guías experimentarán en primeira persoa as particularidades que presentan as persoas cegas ou con discapacidade visual grave durante unha visita museística. Para iso ofreceránselles antefaces para simular as condicións das persoas cegas.
A técnico ofreceralles claves sobre descrición na linguaxe, como facerlles saber a proximidade ou afastamento de algo ou de alguén, como fornecer información útil do lugar, da situación en que se atopan, ou de como orientarlles no seu desprazamento.
Todo un conxunto de recomendacións e medidas útiles e indispensables para que as persoas cegas poidan sentirse seguras e moverse de forma eficaz nese ambiente, á vez que o Museo Provincial avanza no seu obxectivo de atender adecuadamente a todos os segmentos da sociedade para achegarlles a cultura.