RADIO.- Crenzas e tradicións de Defuntos e Todos os Santos para crédulos, incrédulos e escépticos
Por Marisa Ciordia
"A sociedade actual mudou moitos aspectos de como os galegos interactuabamos coa morte e os mortos. Pódese dicir que hoxe vivimos de costas á morte e iso ten graves problemas". Esta é unha das máximas ás que chega o antropólogo Rafael Quintía, convidado a este Cara a cara de PontevedraViva Radio. "Eu entrevisto a moita xente e cóntame como interactúa coas ánimas, como ve ou o interpreta e non teño por que dubidar do que me contan".
"Algo que chama a atención de quen vén a Galicia é a proximidade dos cemiterios aos núcleos de poboación. Esa proximidade de vivos e mortos era normal. A cantidade de petos de ánimas que había nos cruces de camiños, os miles de cruceiros que hai polo país", lembra. Con todo, hoxe en día "parece case que ata está mal visto morrerse e mostrar a dor por esa morte".
Fala de tradicións como o "bolo das ánimas"; un bolo de pan que se poxaba nas portas das igrexas e con ese diñeiro pagábanse misas ás ánimas; as "espigas das ánimas"; que se gardaban como elemento curativo para o gando. Ritos que servían para "axudar ás ánimas e devolverlles os favores que fan". Outros costumes, máis ou menos desvirtuadas, perviven como os calacús, o samaín ou os mesmos magostos.
Hai ánimas boas e malas "como as persoas. Unhas poden volver axudar e outras a liquidar unha inxustiza ou algo que quedou pendente". A cultura tradicional fala de que hai datas especiais en que as ánimas "poden volver a este mundo. Poden facelo de forma colectiva, como sería a Santa Compaña; ou de forma individual co seu aspecto humano como un ánima, ou en forma de animal como as avelaíñas ou abellas" explica Rafael Quintía.
"A morte sempre avisa antes de chegar" recolle a tradición, e en Galicia fálase de sons de pedras ou arenas no tellado, golpes na porta a horas intempestivas, cheiro a incenso ou a cera, que unha galiña cante como un galo, que un can aúlle como un lobo, que as campás choren...