Denuncian a falta de accesibilidade do edificio de Consumo e de Tráfico en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Integrantes do colectivo Amizade sumáronse este martes ás concentracións de denuncia que organizaban COGAMI e COCEMFE para amosar a falta de accesibilidade en edificios públicos da cidade.
O 4 de decembro deste ano, unha esixencia legal obriga a que todos os produtos, bens, contornas e servizos teñen que ser accesibles, segundo establece a Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade.
A falta de accesibilidade é facilmente comprobable no edificio da Dirección Xeral de Tráfico e no servizo provincial do Instituto Galego de Consumo en Pontevedra situado no Paseo de Cervantes. Ata alí achegáronse membros de Amizade para exteriorizar a súa demanda reclamando unha solución que lles permita acceder a estes espazos de uso público.
Paulo Fontán, presidente de Amizade, indicaba que o Instituto Galego de Consumo leva 26 anos neste edificio sen que se mostrara por parte da administración autonómica sensibilidade para atender a petición destas persoas. Indicou que está previsto que Tráfico se traslade a outra localización na que haberá un mellor acceso pero ata o momento as persoas que precisan dunha cadeira de rodas para moverse atópanse con serias dificultades para entrar nese edificio.
No caso de que non se adopten solucións, Amizade estudaría a posibilidade de acudir aos tribunais de xustiza para que se cumpra a lei. O presidente do colectivo engadiu que seguen existindo numerosos negocios nos que teñen dificultades para acceder e reclaman un sistema de sancións eficaces.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Reteñen media hora un autobús de Alsa por imposibilitar a viaxe dun mozo que emprega cadeira de rodas
Por Anxo Lourido |
-
"Ocio vedado" para as persoas con discapacidade
Por Oskar Viéitez |
-
"Sen accesibilidade universal, non hai dereitos humanos para as persoas con discapacidade"
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Amizade presenta preto de 200 queixas na Xunta pola inaccesibilidade das oficinas de consumo
Por Oskar Viéitez |