Bueu adhírese á plataforma Stop Vespa Velutina Galicia
Por Redacción
O Concello de Bueu vén de sumarse á plataforma Stop Vespa Velutina Galicia cunha proposta da concellaría de medio ambiente que se aprobou na Xunta de Goberno deste luns, e que busca fomentar a loita contra esta especie invasora, que xa é un problema ambiental e social e que afecta á gran maioría de municipios galegos.
A adhesión supón ademais o apoio a un documento de mínimos asinado por varios colectivos e concellos que esixirá a asunción de competencias por parte da Consellería de Medio Ambiente e máis do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para impulsar a investigación, fomentar a loita preventiva, solicitar a creación dun organismo único e implementar a labor de divulgación social.
Así, unha das liñas esenciais de investigación pasaría pola realización dun estudio encamiñado a determinar unha feromona ou fungo, inocuo para o medio ambiente, que fose capaz de provocar a morte das colonias de vespa velutina sen ocasionar danos nos ecosistemas, apostando así pola loita biolóxica.
Como se especifica na proposta, outro dos piares é o fomento da prevención. Na primavera as raíñas de tártago de patas amarelas (velutina) espertan do seu letargo invernal, actívanse e comezan a construción dos niños primarios e a posta de ovos para a creación dunha nova colonia. Potenciando a captura de raíñas na primavera evitamos o nacemento de entre 15.000 e 18.000 exemplares futuras de velutina.
Así mesmo, a divulgación da información é de vital importancia para que sociedade sexa consciente do problema que representan estas especies exóticas invasoras, tamén para lembrar o importantísimo papel que xogan as abellas no medio, e de igual xeito faise necesaria a educación na distinción da especie vespa velutina doutro tipo de véspidos ibéricos.
Relacionadas:
-
Bueu considera "nefasta" a xestión da Xunta na retirada de niños de velutina
Por Redacción |
-
RADIO.- Stop Velutina: "Sen abellas desaparecerían tres cuartas partes dos produtos que comemos"
Por Marisa Ciordia |
-
Bueu insta á Xunta a adoptar máis medidas contra a presenza da avespa velutina
Por Redacción |
-
O Concello de Bueu adhírese ao convenio para a loita contra a vespa velutina
Por Redacción |