O Concello, satisfeito pola eficacia da ponte das Correntes na solución aos atascos na Barca
Por Oskar Viéitez
Desde a súa inauguración en xuño de 2012 a ponte das Correntes permitiu resolver en gran medida os embotellamentos de tráfico no da Barca, segundo dixo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "esa é unha cuestión perceptible".
"A utilización da ponte das Correntes e unha alternativa mesmo a xente que ven do Sur da cidade", apuntou o rexedor.
Desde a súa estrea a diminución do tráfico na Barca foi a máis a medida que os condutores fóronse habituando a empregar a nova ponte. En todo caso a Policía Local está a traballar nesta cuestión, segundo o alcalde, para cuantificar como se distribúen agora os fluxos do tráfico xa que non só alivia A Barca tamén toda a contorna desta ponte: Alfonso XIII, Concepción Arenal, Pardo Bazán, Echegaray, Paseo de Colón... e na outra marxe, especialmente, aos veciños da Caeira.
"Desde logo é unha alternativa necesaria", apuntou Lores nunha mensaxe dirixida para "aqueles que seguen dando a bara co tema de que non era necesaria una ponte máis".
O alcalde recordou que ademais a nova ponte tamén permitiu reducir o uso rodado da ponte do Burgo, preservando o seu valor histórico.
A ponte das Correntes é o eixo central sobre o que pivotaba aquel ambicioso plan denominado Acción Burgo-Barca, que se enmarca dentro do programa de Conexión Río-Cidade e complementaba as actuacións no perímetro do centro histórico e paseo de Colón.
Lembremos que entre os seus principais obxectivos atopábase reordenar os acesos desde o norte e as comunicacións con Poio, facilitando a integración da parte baixa do municipio veciño e a capital. Pero o plan é máis ambicioso e aínda aspira a incorporar O Burgo ao centro histórico e humanizar ambas marxes do Lérez.