"Coa velutina imos poder, pero hai que cambiar a consciencia que temos, non é un problema apícola, senón ambiental. Se non houbese abellas desaparecerían as tres cuartas partes dos produtos que comemos. O papel das abellas no equilibrio ecolóxico é fundamental. Por tanto a avispa velutina é un problema de todos e as administracións teñen os medios para poder enfrontarse a elas". É a mensaxe que deixa no Cara a cara de PontevedraViva RadioLaura García Sáez, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura e unha das portavoces da Plataforma Stop Velutina.
Desde 2012 en que se detectou a súa presenza en Galicia a hoxe estendeuse ao 70% do territorio, cun crecemento exponencial moi grande. É un insecto cunha adaptabilidade moi boa. "O quecemento global e a falta de previsión fixo de caldo de cultivo e agora hai que aplicar ferramentas que permitan convivir coa velutina porque a erradicación xa non é posible", afirma.
A Plataforma Stop Velutina xurdiu en abril impulsada pola Asociación Galega de Apicultura e o Sindicato Labrego Galego. Os seus obxectivos incumben á prevención, investigación, visibilización dos sectores afectados e demandar axudas a estes. Contactaron con Administracións, universidades, comunidades de montes e organizacións sectoriais. Actualmente son ao redor de medio centenar as entidades que se sumaron á Plataforma.
"A tarefa preventiva é unha tarefa pendente na administración galega. Pasa por facer un bo trampeo primaveral, é dicir a atrapar ás raíñas fundadoras que evitará no verán un niño con 15 ou 20 mil velutinas. Se o trampeo queda de man dun sector como o apicultor non é suficiente, ten que ser masivo en todos os concellos", insta esta técnica.
A investigación é outra ferramenta necesaria. "Se non hai diñeiro para financiar investigación en entidades públicas como as universidades, chegarán industrias que cun medicamento erradíqueno e custará moito diñeiro", advirte. Segundo engade as universidades galegas están a Investigar liñas biolóxicas con feromonas e fungos que sirvan para frear o avance das velutinas sen efectos nocivos.
A apicultura é un dos sectores afectados pero non o único, moitos froiteiros están na mesma tesitura. Laura García avanza que está pendente de recibir noticias do sector vitícola que reflictan as perdas por este problemas, "en Lugo houbo colleitas totalmente destruídas". Tras os últimos incendios ademais moitos apicultores perderon as súas colmeas e de igual forma perdeuse a floración da contorna. "Se as abellas non teñen flores para pasar o inverno van ser unha presa moi débil para as velutinas" explica.