Anedia organiza diversos actos formativos e lúdicos arredor do Día da Diabete
Por Redacción
Anedia, a asociación de menores con diabete de Galicia, organiza varios actos para concienciar sobre os efectos desta doenza aproveitando a celebración do Día Mundial da diabete, que se conmemora o 14 de novembro. Con estes eventos, o colectivo quere reivindicar o dereito das persoas con esta enfermidade para acceder co seu material de control diabetolóxico cando van ao cinema, a estadios deportivos ou a museos.
Este sábado iniciaranse as actividades coa celebración de IV Milla Urbana Solidaria, cunha exhibición de ximnasia rítmica a cargo do club Treboada ás 12.00 horas da mañá na avenida de Montero Ríos.
Durante o domingo 12, o Concello de Bueu acenderase iluminado de azul, a cor da diabete. O acto iniciarase ás 20.00 horas e incluirá a lectura do manifesto coas reivindicacións que se expoñen con motivo do Día Mundial da Diabete. Tamén haberá unha actuación musical.
O luns 13, a praza de España de Pontevedra acollerá a partir das 19.00 horas a iluminación do antigo edificio do Concello coa actuación do grupo de Gaitas Retrouso de Cela. O evento continuará cun Flashmob e despois o doutor José Antonio Couceiro dará lectura ao manifesto.
O martes 14, coincidindo co Día Mundial, en todos os comedores escolares xestionados pola empresa Arume en Galicia incidirase na importancia da alimentación para a saúde dos escolares. Celebrarase unha carreira na que participará, entre outros centros, A Xunqueira II de Pontevedra. Durante esa xornada, os escolares de educación primaria do Concello de Marín realizarán un pequeno xoguete óptico "taumátropo ou círculo máximo" para reflexionar sobre o significado desta enfermidade crónica. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, na Casa Azul desenvolverase a charla 'Como afrontar a diabete na adolescencia', impartida polas enfermeiras especializadas en diabete do CHOP, Cristina Pérez e Ángeles Cons.
Os actos finalizarán o xoves 17 en Cangas con outra charla sobre a diabete.