Piden ao Concello que se comprometa coa defensa dos Servizos Sociais
Por Oskar Viéitez
Empezando polo de Pontevedra Espazo Ecosocialista presentará mocións nos concellos para que asuman políticas proactivas e defendan os equipos de servizos sociais.
Este mércores en rolda de prensa, Xoan Hermida, o portavoz de esta formación política, denunciou que coa aprobación da nova Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local se desmantelaran os Servizos Sociais. "Estase a falar moito dos efectos que sobre o funcionamento dos concellos e sobre as adicacións dos concelleiros e alcaldes que terá esta Lei, pero pouco se fala do impacto que terá sobre os Servizos Sociais que practicamente desmantelaranse ou sobre os seus profesionais que deixaran de ser municipais e poderán estar sometidos a recortes de plantillas ou a mobilidade laboral", sinalou Hermida.
Diante disto, iniciarán unha campaña informativa que contara coa presentación de mocións nos concellos e levará o tema ao Parlamento Galego a través do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE).
Para Xoan Hermida estamos diante "dunha cuestión de máxima gravidade pois se a sanidade e o ensino están sendo nun proceso continuo de recortes e privatización, no caso dos servizos sociais pretendese directamente o seu desmantelamento".
Por este motivo presentaron no rexistro do Concello de Pontevedra unha moción que procura o compromiso da institución local a manter as políticas sociais activas sen que a posible nova regulación ou a eliminación de axudas poida servir de escusa.
Ademáis demanda do Pleno do Concello un posicionamento contra o actual anteproxecto de Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, o compromiso a manter na súa integridade as actuais equipas de atención primaria ou comunitarios, atención ás toxicomanías, información á muller, maiores, etc. "e non actuar como correa de transmisión dos recortes, seguindo o exemplo do concello de Ourense que mantivo o Plano de Inclusión que outros concellos pecharon cando se acabou a financiación autonómica".
Tamén lle piden ao Pleno que non aumente a externalización de servizos iniciada por algúns concellos.