A rúa Otero Pedrayo, cortada durante tres semanas por obras
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
As obras do saneamento do río Gafos afrontan nestes días os últimos traballos. De feito, será preciso pechar a rúa Otero Pedrayo as vindeiras tres semanas para traballar neste último tramo. O concelleiro responsable do ciclo da auga, Raimundo González explicou que o bo tempo favoreceu que se adiantara o proxecto que poderá estar rematado cara finais de ano.
A empresa adxudicataria deste importante proxecto, a UTE Construtora Ediserpo S.L. - Ogminos Proyectos S.L., iniciará seguidamente os traballos no tramo urbano que son as dúas melloras que ofreceu a concesionaria: dende a avenida da Estación á avenida de Vigo, e dende a avenida de Vigo ata Alcalde Hevia.
O proxecto foi adxudicado por 831.116,30 euros (a licitación foi de 1.126.174,48 euros) e permitirá recoller as augas sucias do polígono da Reigosa, Vilaboa e das parroquias de Marcón, Tomeza e parte de Salcedo para que vaian á depuradora sen filtracións de auga.
A obra consiste en incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais dende Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, acadar a estanquidade dos pozos para evitar que entre a auga do río e, na medida do posíbel, retirar o colector do propio leito do río dos Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda de pescadores.
A obra está financiada polo Concello en colaboración coa Deputación, xa que o convenio asinado coa Xunta finalmente non foi executado por decisión unilateral do goberno galego, a pesar de que Augas de Galicia chegou a ter adxudicado o proxecto.
DISPOSITIVO DE TRÁFICO
A rúa Ramón Otero Pedrayo pecharase ao tráfico a partir das 10.00 horas do 15 de novembro, por un prazo aproximado de tres semanas. Ao tratarse dunha vía principal de acceso á cidade, a Policía Local realizará un dispositivo especial de tráfico na zona.
Os accesos á cidade polo sur distribúese por dúas vías:
- Dende o nó do Pino a través da rúa Josefina Arruti
- Dende o cruce do Marco a través de Conde Bugallal
As saídas da cidade cara o sur canalizaranse a través destes percorridos:
- Doce de Novembro, ponte nova dos Xulgados e Conde Bugallal para saír cara o cruce do Marco.
- Eduardo Pondal, rúa da Estación e Josefina Arruti cara o nó do Pino e AP-9
Os condutores atoparán sinalización de guiado tanto para entrar como para saír da cidade. Permitirase o acceso á rúa Otero Pedrayo aos residentes e servizos.
Relacionadas:
-
Pechan a rúa Otero Pedrayo polo "risco inminente" de caída do muro do Albergue de Peregrinos
Por Anxo Lourido |
-
Lores desvela aos alumnos do Sánchez Cantón os seus plans para o río dos Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian a mortaldade de ducias de peixes no tramo urbano do río Gafos
Por Redacción |
-
A finais de novembro estará rematado o saneamento do río Gafos ata Alcalde Hevia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |