Unha "pantalla de ordenador", única relación entre Concello e Xunta en materia de servizos sociais
Por Alejandro Espiño
"A nosa relación coa Xunta é unicamente a través dunha pantalla de ordenador e cun programa informático, non se poñen nin ao teléfono". Así explicou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, como é o día a día entre ambas administracións en materia de servizos sociais. Fíxoo no marco da presentación do plan concertado para 2013, financiado conxuntamente polo Goberno central, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.
Para este ano, o Concello de Pontevedra investirá preto de 2 millóns de euros no marco deste plan, que permitirá financiar o custo do persoal da Casa Azul, 11 traballadores sociais e dous administrativos (600.000 euros), o servizo de axuda no fogar e dependencia (800.000 euros) e os programas e actividades da concellaría (475.000 euros). Esperan que a Xunta aporte uns 900.000 euros.
Aínda que Carmen Fouces expresou as súas dúbidas de que vaia a ser así. Malia que a Xunta debe repartir entre os concellos o diñeiro que recibe do Goberno central, entre outros criterios, en base á ratio de poboación, a concelleira nacionalista denunciou que fronte aos 20 millóns de euros que entregaban en 2009, reduciuse ata os 8 millóns recollidos nos orzamentos autonómicos para 2013.
"ÿ unha decisión política investir máis ou menos cartos", explicou Carmen Fouces. E no caso de Pontevedra, dixo, é menos. Concretamente en 2012 destinouse un 11% menos que o ano anterior. Só 480.000 euros fronte aos 655.000 solicitados polo goberno municipal. E entre esas partidas destaca que "non nos deron nin un duro" para financiar as actividades e programas dos servizos sociais pontevedreses.
Fronte a esta situación, o Concello de Pontevedra destinará máis diñeiro do previsto, xa que segundo Fouces "non podemos paralizar os servizos sociais". Haberá maiores partidas para dependencia e axuda no fogar, para o fondo de urxencia, para asumir íntegramente o servizo de teleasistencia, manter os programas de atención familiar, educación funcional de adultos e condutas adictivas, ou seguir potenciando a Rede Axuda.
Pontevedra pode asumir un maior gasto social "porque temos un colchón do que podemos tirar e presentar unha programación ambiciosa", pero segundo Carmen Fouces "hai moitos outros concellos que non o teñen e por iso hai un recorte tan grande dos programas sociais".