VÍDEO.- A vida submarina do pesqueiro Cordero González
Por Natalia Puga
Fronte á praia de Melide da illa de Ons, a unha profundidade media de 25 metros e asentado sobre un banco de area, hai un auténtico refuxio de vida submarina. Son os restos do pesqueiro Cordero Gonzalez, que naufragou o 31 de agosto de 1975 e na actualidade converteuse nunha especie de arrecife artificial. Para comprobalo, basta con visionar o vídeo do pontevedrés Pedro Alonso que acompaña a esta información.
O vídeo permite observar as conscuencias dun naufraxio, de modo que está máis de actualidade nestas semanas nas que se cumpren 15 anos do accidente do petroleiro Prestige fronte ás costas galegas e da marea negra que provocou ao perder a súa carga de 77.000 toneladas de fuel.
O documento audiovisual gravouse, segundo o seu autor, nunha zona bastante batida polo mar de fondo, xa que se atopa no canle norte de entrada á Ría de Pontevedra, no que hai habitualmente augas turbias. As condicións de mergullo nesta zona sempre son duras, con mar de fondo, pouca visibilidade e unha temperatura de 13 graos centígrados.
O Cordero González naufragou ao leste da illa de Ons tras unha colisión con outro pesqueiro, o Ría de Aldán, e non deixou vítimas. Tras o naufraxio, tentouse rescatar o barco arrastrándoo desde a zona de afundimento ata augas menos profundas, pero non se logrou e quedou embarrancado na situación actual.
A acción do home e o impacto dos temporais terminaron despezando o barco, de modo que na actualidade tan só quedan restos da estrutura principal, cuadernas, sala de caldeiras, cheminea e parte da ponte, incluíndo a roda do temón, que se conserva en perfecto estado. Precisamente, o temón deixa unha das imaxes máis impactantes das recollidas por Pedro Alonso.
Os restos son un auténtico refuxio de vida submarina, pois, segundo se aprecia no vídeo e explica o seu autor, é habitual que haxa congros, fanecas e gorgonias. Ademais, formouse no seu conxunto un arrecife artificial que protexe a biodiversidade da illa de Ons.