O TSXG anula a normativa dos crematorios
Por Natalia Puga
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dá a razón á plataforma de Crematorios Non Pontevedra Leste na batalla xudicial que mantén desde hai máis de dous anos contra a modificación puntual do PXOM que regula a instalación de crematorios no termo municipal e permite este tipo de equipamento funerario a 50 metros das vivendas. O fallo anula esta normativa.
A sentenza da sala do contencioso-administrativo (Sección Segunda), dada a coñecer este mércores, estima o recurso interposto pola plataforma contra esta modificación do Plan Xeral aprobada no pasado mandato municipal para establecer e regular o uso do crematorio. En concreto, dá por bo o argumento da plataforma de que a modificación carece da obrigada avaliación ambiental.
A plataforma anti crematorios aínda non recibira a sentenza este mércores. Tras coñecer o fallo a través de PontevedraViva, o seu secretario, Antonio Ramírez, manifesta a súa "satisfacción" co resultado, aínda que se mostra cauto ata que poida analizar o documento.
"Tiñamos moita confianza nos nosos dereitos", resaltou Ramírez, que engade que autorizar a construción de crematorios a 50 metros das casas, como recollía a modificación da PXOM agora anulada, é unha cuestión que "afecta á saúde". Coa anulación deste cambio do Plan Xeral descoñece se se elevará esa franxa de separación a 500 metros tal e como eles reclamaban ou cal será a solución, pero en todo caso, afectará o proxecto dun crematorio previsto para a zona de San Amaro.
A modificación do PXOM aprobouse o 26 de decembro de 2014 e entrou en vigor tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia o 4 de febreiro de 2015. Trátase dunha medida impulsada polo entón tenente de alcalde e concelleiro socialista de Urbanismo, Antón Louro.
O recurso da plataforma presentábase fronte o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia, pois trátase dunha modificación do PXOM impulsada polo Concello, pero que a Xunta aprobou de forma definitiva. Agora, ambas as administracións poderán interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo ou ante a Sala do TSXG que emitiu o ditame.
Relacionadas:
-
Pontevedra, sen protección algunha contra os crematorios en zonas urbanas
Por Alejandro Espiño |
-
O Supremo resolverá o futuro dos crematorios en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños, segundo o Concello, son os "grandes prexudicados" da sentenza dos crematorios
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
A Xunta ratifica a nova regulación dos crematorios á que se opuxo o PP local en Pleno
Por Redacción |