Pulseiras contra a violencia de xénero en Marín
Por Redacción
Os actos centrais de conmemoración do día internacional pola non violencia contra as mulleres en Marín celebraranse este sábado 25 de novembro, pero, como preludio, este xoves entregáronse no municipio pulseiras contra a violencia de xénero.
Os actos do propio día empezarán ás 11.30 horas do sábado no Concello de Marín coa lectura dun manifesto e a entrega de premios ás asociacións de nais e pais dos centros educativos do municipio e a Josefa Area, a poetisa marinense galardoada este 2017.
A continuación, ás 12.00 horas, sairá a marcha contra a violencia de xénero organizada polo Concello, na que poderán participar familias con fillos para reivindicar un mundo libre de violencia onde homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades de ser libres e crecer sen prexuízos.
Desde o Concello de Marín animan á cidadanía para participar nesta reivindicación co lema 'Todos os días contra a violencia de xénero'.