O conselleiro de Industria invita os concellos a converter Galicia na comunidade onde sexa máis fácil investir
Por Redacción
A Xunta busca que os concellos se incorporen ao convenio que asinou a administración autonómica coa Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) para ofrecer bonificacións ás empresas. Desta forma, eses municipios terán acceso a axudas para o fomento do emprego, a industria, o comercio e o emprendemento.
Así o manifestaba na tarde deste xoves, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, a alcaldes da provincia de Pontevedra na Delegación da Xunta en Campolongo co obxectivo de mellorar a regulación da fiscalidade municipal e facilitar a implantación de novas empresas na provincia.
Desta forma, destacou a importancia que terá a lei de implantación empresarial, que ofrecerá novas oportunidades para aquelas empresas interesadas en investir en Galicia.
A nova lei, segundo Francisco Conde, ofrecerá bonificacións de ata o 95% dos impostos para as administracións que se somen ao convenio proposto pola Xunta á Fegamp. Ademais, axilizaranse as licenzas de obra e estableceranse medidas que inclúan axudas para o desenvolvemento empresarial nos concellos que se somen a esta iniciativa.
O obxectivo é que Galicia convértase na comunidade autónoma que ofreza máis facilidades para poder investir, máis incentivos, menor fiscalidade e con menos trabas burocráticas e administrativas. Desta forma, está previsto achegar facilidades para o acceso a chan industrial.
A idea da Xunta é que se reduzan á metade os prazos de tramitación dos proxectos empresariais. Tamén está prevista a creación do censo de chan empresarial para coñecer as necesidades. A lei tamén recolle unha medida para facilitar o pago aprazado e sen intereses na compra de chan público, ademais de iniciativas xa aplicables como as bonificacións na venda de solo público nos parques empresariais.
Conde indicou que a nova lei facilitará a creación de emprego a través da colaboración entre Xunta e concellos.