A Fiscalía pide 9 anos de prisión para tres homes por abusos sexuais a unha menor deficiente de Vilaboa
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o martes 16 de abril o xuízo contra tres homes acusados dun delito continuado de abuso sexual a unha menor deficiente de Vilaboa.
Trala investigación da Garda Civil de Moaña, a Fiscalía acusa aos veciños de Vilaboa, E.C.C. que tiña entón 33 anos; e A.M.F., con 28; e outro veciño de Moaña aínda que natural de Vilaboa, J.D.G.R., que tamén tiña 28 cando presuntamente tiveron lugar os feitos. Os tres sen antecedentes penais.
Segundo o Ministerio Público, estes tres homes no ano 2003 "en diversas ocasións coa intención de satisfacer os seus desexos sexuais" dirixíronse á menor, que naquel momento tiña 11 anos de idade, "a cal padece desde a infancia un atraso mental moderado, o cal determina carencias cognitivas importantes, as cales son perceptibles por calquera persoa".
No escrito de acusación, a fiscalía, relata como en torno ao ano 2003, aproveitando que con ocasión do falecemento dun tío da menor, o procesado E.C.C. tiña un maior acceso á manor por ter unha relación de veciñanza coa mesma, "con coñecemento da situación da súa menor idade, así como aproveitándose do atraso mental que a mesma padece", xunto cos outros procesados A.M.F. e J.D.G. "mantiveron relacións sexuais coa mesma chegando os tres a penetrala vaxinalmente".
A acusación da fiscalía sinala que estas situacións fóronse producindo noutras ocasións, polo menos noutras dúas máis ata o ano 2007, así en polo menos outra ocasión os acusados levaron á menor a unha cabana na localidade de Vilaboa na cal os acusados de forma sucesiva mantiveron relacións sexuais coa menor.
Para o Ministerio Público os feitos son constitutivos dun delito continuado de abuso sexual con introdución polo que pide ao Tribunal que impoña para cada un dos acusados a pena de 9 anos de prisión e en concepto de responsabilidade civil solicita unha indemnización de vinte mil euros polos prexuízos sufridos.