Persoal do CHOP actualiza os seus coñecementos sobre transexualidade en menores de idade
Por Redacción
O Hospital Provincial acolle este xoves unha xornada de formación para máis de 80 profesionais da sanidade pública da área de Pontevedra na que tratan o paso do malestar de xénero á transexualidade en idade infanto-xuvenil.
Con esta iniciativa, o servizo de Psiquiatría e Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra pretende que o persoal actualice os seus coñecementos e os criterios no diagnóstico e tratamento de menores que queren cambiar de xénero.
Tamén se ofrece unha explicación sobre aspectos bioéticos e legais desta demanda asistencial para a que se creou no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela unha unidade de referencia do Sergas dirixida a menores e para a mocidade.
Nesta sesión participan profesionais médicos e de enfermería de Atención Primaria e hospitalaria como relatores expertos, ademais de especialistas nas áreas de Pediatría, endocrinoloxía pediátrica, ata psicólogos, un psiquiatra especializado en bioética e tamén profesionais do ámbito xurídico. Desta forma, na xornada intervén todas as categorías de profesionais necesarios no proceso de demanda por parte dos usuarios para analizar como se debe axudar ao paciente e a súa contorna familiar.
O xefe de servizo de Pediatría de Pontevedra, José Antonio Couceiro Gianzo, iniciou este encontro cunha mesa redonda sobre a demanda na atención médica, o diagnóstico e o tratamento na que tamén participaron os doutores Iria do Río Pastoriza e Jesús Barreiro, ademais do psicólogo clínico Jacinto Casas.
Ao longo da tarde tamén se desenvolvía outra mesa de debate moderada polo xefe do servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra, Isauro Gómez Tato, sobre bioética e cuestións legais relacionadas coa transexualidade, coa presenza do psiquiatra infanto-xuvenil do hospital Sant Joan de Déu de Barcelona, o doutor Sabel Gabaldón.