Unanimidade en Ponte Caldelas contra "calquera tipo de trasvase" no Verdugo
Por Redacción
O Partido Popular sumouse ao rexeitamento a "calquera tipo de trasvase" desde o río Verdugo, en Ponte Caldelas, ao encoro de Eiras. Por unanimidade, a corporación aprobou a moción presentada polo goberno municipal na que condena esta decisión de Augas de Galicia, tomada para abastecer á area metropolitana de Vigo.
O texto da moción, que foi modificado no mesmo Pleno, aposta pola contundencia e elimina tamén calquera tipo de autorización a un bombeo provisional, tal e como se contemplaba no acordo inicial.
Ponte Caldelas entende que non se pode falar de bombeos provisionais cando se barallan obras cun custo que está en torno aos cinco millóns de euros, polo que deixa ben clara a súa oposición a todo tipo de trasvase, máis aínda cando carece de estudo de impacto ambiental.
A corporación lamentou tamén que Augas de Galicia, órgano da Xunta de Galicia coas competencias nesta materia, non se dirixira "en ningún momento" ao Concello de Ponte Caldelas para ofrecer información algunha, nun acto de "deslealdade institucional sen precedentes", subliñou o alcalde, Andrés Díaz.
O pleno manifestou o seu apoio á manifestación convocada polo goberno local para este domingo, día 3, a partir das 12 horas na Alameda. A marcha sairá en torno ás 12.30 cara á praia fluvial da Calzada, onde se dará lectura a un manifesto expresando o rexeitamento de Ponte Caldelas ao controvertido trasvase.
O grupo municipal do PP, a pesar do seu voto favorable á moción, anunciou que non participará na mobilización, na que si estarán os concelleiros dos grupos do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, xunto con diversos colectivos sociais que están a facer chegar o seu apoio.
Tamén se aprobou, aínda que no seu caso co voto en contra do PP, unha moción pola que se expresa a protesta á Xunta de Galicia polo "abandono" sufrido o pasado 15 de outubro, durante a vaga de lumes.
Relacionadas:
-
O trasvase de auga do Verdugo, camiño dos xulgados
Por Alejandro Espiño |
-
Ponte Caldelas advirte a Augas de Galicia da súa intención de tomar medidas legais
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas, en pé de guerra polo "expolio" do río Verdugo
Por Alejandro Espiño |
-
Convocan unha manifestación en Ponte Caldelas contra o "expolio" do río Verdugo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Ponte Caldelas esixe a Augas de Galicia explicacións inmediatas sobre o trasvase do Verdugo
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas amosa a súa "rotunda oposición" a un trasvase de auga do Verdugo
Por Redacción |