Pontevedra consume auga do Pontillón para evitar que desborde
Por Alejandro Espiño
A situación do abastecemento de auga en Pontevedra cambiou substancialmente nas últimas horas. O encoro do Pontillón do Castro, coas chuvias que trouxo a borrasca Ana, está ao 100% da súa capacidade. Así, para evitar que desborde e evitar que se perda esa auga, Pontevedra e os concellos da ría xa se abastecen desta reserva.
"Non tería sentido estar tirando do río e, por outro lado, perdendo a auga do encoro", explicou o concelleiro responsable do ciclo de auga, Raimundo González.
É unha medida, a de abastecerse do Pontillón do Castro, que se toma todos os invernos cando o encoro está cheo. Manterase sempre que o seu nivel non baixe do 95%. Aí volveríase a captar auga do río Lérez que, a día de hoxe, ten 3,81 metros de altura de auga.
Con respecto a este último, Raimundo González asegurou que o seu caudal chegou ata os 60,86 metros cúbicos por segundo coas chuvias, catro veces máis da media rexistrada nos últimos catro anos. Nas últimas horas, chegouse a rexistrar unha punta de 315,58 metros cúbicos.
O aporte da chuvia permite recuperar tamén os acuíferos secos ou baixo mínimos ata agora pola seca tanto no municipio de Pontevedra como en toda a comarca.
Ademais, segue a diminuír o consumo de auga da traída, tanto pola recuperación dos acuíferos e pozos como polo uso máis controlado do recurso.
Segundo os datos facilitados por Viaqua, a media do consumo está en 24.300 metros cúbicos ao día, fronte aos 31.000 rexistrados hai dúas semanas.
Esta recuperación permitirá tamén levantar as restricións do uso da auga postas en marcha pola seca: baldeos das rúas e espazos públicos, regas ou limpezas. Esta decisión xa se lle comunicou aos servizos municipais correspondentes.
Relacionadas:
-
A situación do Lérez "tende a normalizarse" tras as últimas chuvias
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva acusa á Xunta de falta de previsión e de estar "de brazos cruzados" ante a seca
Por Oskar Viéitez |
-
Cerponzóns e Campañó reciben auga da traída tras secar os seus acuíferos
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra aplica as primeiras medidas efectivas ante a alerta por seca
Por Natalia Puga |