Sanxenxo prepara unha nova ordenanza reguladora das terrazas
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a concelleira de urbanismo, María Deza, e o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, reuníronse este martes cun centenar de representantes do sector da hostalería do municipio.
No encontro, que tivo lugar no salón de actos da casa consistorial, o goberno local expuxo a necesidade de contar no municipio cunha ordenanza reguladora das terrazas en cuxa redacción xa se está traballando.
Esixiranse uns mínimos a aquelas xa instaladas ou ás novas que se coloquen.
O goberno quere que esta ordenanza non sexa unha imposición, se non un froito do consenso entre ambas as partes. Ademais, daráselles unha moratoria para que poidan adaptarse á mesma.
Nesta reunión tamén se trataron outras cuestións como os horarios trasladando o goberno local a necesidade de que cumpran co establecido na lei, adaptando a súa actividade ao pautado segundo a licenza da que dispoñan. Evitando así as sancións por este incumprimento. Ademais, informóuselles que poden solicitar unha ampliación do mesmo, nunha hora máis, para a tempada do Nadal.
Os asistentes propuxeron ideas, como a colocación dunhas placas co horario e o aforamento en cada un dos locais, que todos sexan responsables á hora de cumprir os mínimos, que todos cumpran a accesibilidade nas zonas de paso nas beirarrúas nas que teñen as terrazas ou que se regulen zonas de carga e descarga o máis próximas que sexa posibles aos locais.
Telmo Martin destacaba durante a reunión que “este é un punto de partida, posto que o goberno confía na boa vontade e na colaboración dos empresarios para cumprir e facer cumprir a lei. O lecer e o descanso deben estar garantidos en Sanxenxo e por iso estes dous termos teñen que estar conxugados da man”.
Relacionadas:
-
Abre o prazo de alegacións á ordenanza de terrazas de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Dez cousas que non sabías das terrazas de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O tripartito celebra que o PP se preocupe das terrazas "tras 16 años de pasividade"
Por Redacción |
-
O PP pide ao tripartito unha ordenanza para regular as terrazas da hostalería
Por Redacción |
-
O 30 de marzo entrará en vigor a nova ordenanza de ruídos que adapta a Sanxenxo á norma actual
Por Redacción |