O venres abre en Marín o Mini-Mercado de Nadal
Por Redacción
O vindeiro venres día 15 de decembro, en horario de 17:00 a 21:00 horas, terá lugar na carpa situada na Alameda Rosalía de Castro o Mini-Mercado de Nadal, dando inicio á programación de actividades do Nadal. Unha iniciativa organizada polas asociacións de nais e pais de alumnos de nove centros educativos de Marín en colaboración co Concello.
O Mini-Mercado de Nadal, ademais de ser un punto de venda como o seu nome indica, albergará varias actividades orientadas a diferentes públicos: talleres de adorno e cartóns do Nadal, pulseiras, maquillaxe, cartas a Papá Noel e Reis e caixa de correos real. Ademais, haberá unha zona de esparexemento tanto para o público asistente como para os vendedores, que serán os propios alumnos dos centros colaboradores.
O seu obxectivo, ademais de ser unha fonte de ingresos coa que sufragarán diferentes actividades das ANPAS nos seus centros respectivos, é proporcionar unha actividade lúdica para os seus alumnos que lles achegue valores como o traballo en grupo, iniciativa emprendedora, esforzo colectivo para un fin común, consumo responsable e sustentable.
No mercado venderanse obxectos de segunda man doados pola comunidade educativa dos centros e as súas familias, e produtos de elaboración propia. Algúns centros optarán pola venda de obxectos de agasallo ou rifas destinados principalmente a sufragar as excursións de fin de ciclo.
O conxunto de ANPAS participantes (Nosa señora do Carme, Rio Inferniño-EEI O Grupo, Viñas Brancas-CEIP Carballal, Fonte do Peso-CEIP A Laxe, Abelendos-CEIP Seixo, Aidon-CEIP Sequelo, San Narciso de Marín, Martín Herrera-CPR Inmaculada e IES Mestre Landín) ten boas expectativas para esta actividade que tomaron con gran ilusión nos centros educativos e que se espera teña moi boa acollida entre o público en xeral.
Emprazan á cidadanía para achegarse ata a carpa a tarde do venres e gozar das actividades nun ambiente familiar cos alumnos como mestres de cerimonias.