O xulgado pide máis información ao Concello sobre a retirada das dedicacións exclusivas ao PP
Por Alejandro Espiño
A demanda interposta por Jacobo Moreira para recuperar nos xulgados as dedicacións exclusivas retiradas polo goberno municipal ao PP continúa o seu curso. O xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra solicitou máis información ao Concello de Pontevedra sobre a tramitación desta decisión. Así o desvelou este luns o portavoz do goberno local, Raimundo González.
En concreto, o xulgado remitiu un escrito para reclamar información sobre se a moción presentada por vía de urxencia para retirar os soldos aos populares figuraba na orde do día do pleno, se é habitual que se acepten este tipo de mocións urxentes e que se lle remita a acta da sesión para revisar as transcricións literais do debate.
Raimundo González, que destacou que desde o Concello de Pontevedra facilitarase toda esa información, enmarcou esta medida na "persistencia" do Partido Popular con este asunto. "Tanto falan de austeridade, de que hai que gastar menos na administración e despois piden no xulgado que lles devolvan as tres dedicacións exclusivas que lles foron retiradas".
En todo caso, o edil nacionalista reiterou que a oferta para chegar a un acordo "segue en pé", pero mostrouse convencido de que o Partido Popular non a aceptará. "Se lle ofreceu un novo pacto, un pacto que eles romperan e eles negáronse", recordou Raimundo González. "E agora queren conseguir por vía xudicial o que non poden conseguir pola vía do acordo".
JACOBO MOREIRA PIDE DEIXAR QUE "FALEN OS XUÍCES"
Respecto desta solicitude do xulgado, o portavoz do PP, Jacobo Moreira, a persoa que presentou esta demanda, asegurou que "ahora los que tienen que hablar son los jueces". Afirmou que "hubo un tiempo político para solucionar este asunto", un periodo no que, dixo, "el gobierno local utilizó la extorsión y el chantaje". A partir de agora sinalou que o asunto "depende de los juzgados" e todos os interesados "tendremos que someternos a lo que digan los jueces".