Ademais da ronda, Deputación e Concello farán unha senda peonil entre Bombeiros e a ponte das Correntes
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación, Rafael Louzán (PP), e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), asinaron este luns o convenio para acometer o proxecto da denominada "ronda urbana" no seu tramo Este, un acordo cualificado como "histórico".
Unha obra que supón un investimento de 2,4 millóns de euros, entre a construción do vial, as expropiacións e a redacción do proxecto de vial que dará un mellor acceso ao complexo hospitalario de Montecelo e á cidade infantil Príncipe Felipe. A nova estrada terá dous carrís de 3,50 metros cada un, dous arcéns pavimentados dun metro; unha senda peonil de catro metros, e unha cuneta de dous metros.
No acto, que se desenvolveu no Edificio Administrativo da Deputación, recordáronse outras colaboracións conxuntas como a construción do Museo, Pasarón, ou a ponte de Monte Porreiro, "ainda que non pareza habitual é real. Así damos unha lección" entre estas institucións de distinta cor política, presumiu Rafael Louzán "isto é o que os cidadáns demandan".
Ambos políticos subliñaron de xeito reiterado o "moi bo entendemento que temos", e anticiparon próximos acordos como a posibilidade de construír unha senda peonil para conectar o Parque de Bombeiros coa Ponte das Correntes "dándolle acceso tanto aos traballadores que teñen alí o seu posto como, sobre todo á zona baixa da Caeira e, ata, aos que deciden deixar o coche no aparcamento disuasorio que se sitúa na contorna de Bombeiros".
Neste sentido, o presidente da Administración Provincial destacou que nestas conversas co rexedor local tamén participaron César Mosquera e Ana Isabel Vázquez.
Esta é unha cuestión "con certa complexidade" porque terán que participar varias administracións, aínda que Louzán mostrouse convencido de que poderá sacarse adiante e, de feito, anunciou que na propia licitación do proxecto da ronda a Montecelo incluirase un anexo para que a mesma empresa que faga o proxecto desta obra o faga tamén para esta senda peonil.