Ponte Caldelas presenta un orzamento de máis de 3,5 millóns e reducindo a débeda
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas debaterá este xoves, nun pleno extraordinario, a aprobación inicial do seu orzamento para o ano 2018. Unhas contas que chegan aos 3.509.713 euros, o que supón unha suba próxima ao 4%, e que reducen a débeda dende o millón de euros "herdado" do anterior equipo de goberno a 448.552 euros.
O goberno local tripartito destaca que Ponte Caldelas "goza hoxe dunha posición económica envexable despois de iniciar o mandato cunhas contas que apenas pasaban dos 3,2 millóns de euros e unha débeda asfixiante". Máis aínda subliña que no que vai de mandato logrouse incrementar a recadación, a pesar de ter reducido os impostos e taxas municipais ás capas máis sensibles da poboación. Un logro que se conseguiu, nestes tres exercizos, "sen pedir un só euro aos bancos".
O alcalde Andrés Díaz subliña que no ano 2015 cada habitante tiña unha débeda aproximada de 181 euros que agora quedará reducida a uns 80 euros.
No ano 2015 cada habitante tiña unha débeda aproximada de 181 euros que agora quedará reducida a uns 80 euros
Por outra banda, o remanente municipal do orzamento de 2017, froito dos aforros, o control do gasto e as baixas nas adxudicacións, alcanzou tamén unha cifra récord, chegando aos 507.572 euros, como se demostra na liquidación avalada polo interventor municipal.
Os orzamentos municipais para 2018 prevén un investimento total duns 900.000 euros, que son froito de sumar os 400.000 dos recursos propios cos que achegarán o Plan Concellos e o Plan de Reequilibrio Territorial da Deputación, unha achega esta coa que se efectuará a humanización da Praza de España. Estas dúas previsións non aparecen reflectidas no orzamento porque óptase só por consignar as partidas propias.
O alcalde subliña que, "lamentablemente, non se poden computar grandes investimentos da Xunta de Galicia, toda vez que a administración galega mesmo foi incapaz de cumprir a súa promesa de iniciar as obras da estrada de Laxoso (PO-234) neste ano que remata". Un incumprimento que cualifica o alcald de "incomprensible" xa que Ponte Caldelas ofreceuse mesmo a asinar un convenio para pagar as expropiacións dunha estrada autonómica.
Por partidas, nos orzamentos municipais hai un incremento notable na de reparacións e mantemento xenérico e crece "espectacularmente" a de parques públicos e xardíns, que pasa de 1.500 a 35.000 euros co obxectivo de "repasar" todos os parques infantís do municipio. O alcalde subliña que se atoparon cun "legado desastroso e iso obriga a acometer un plan de choque".
Mantéñense as axudas ás ANPA e centros educativos (que este goberno local dobrou) e volve crecer a dotación para emerxencia social, alcanzando os 30.000 euros (o dobre do asignado ao comezo do mandato). Na mesma liña o programa de Axuda no Fogar pasa de 160.000 a 170.000 euros, cifra significativamente superior aos 70.000 euros existentes no mandato anterior.
Andrés Díaz recalca que Ponte Caldelas converterase este ano nun dos poucos concellos galegos que non paga dietas, nin gastos de locomoción gracias á adquisición dun vehículo o ano pasado. A elo engádese o feito de que o alcalde non pasa dietas, nin quilometraxe e asume todos os gastos co seu salario, "moi inferior ao do anterior titular da Alcaldía".
REGRA DE GASTO
O orzamento inclúe un Plan Económico Financieiro (PEF), toda vez que o Concello de Ponte Caldelas incumpriu a regra de gasto durante 2017 ao ter utilizado unha parte do seu remanente. Unha norma, recalca o alcalde, "que é criticada unanimemente por todos os alcaldes e alcaldesas de toda España, incluídos os do PP, porque impide aos concellos que están a reducir débeda, como é o caso de Ponte Caldelas, utilizar o seu remanente".
"Ao ministro Montoro ocorréuselle prohibir aos concellos que aforran que gasten eses aforros mesmo no caso de que estean reducindo débeda, mentres ás comunidades autónomas e ao Goberno central se lles dá barra libre, o que é unha auténtica barbaridade criticada por todos os partidos políticos agás o PP", denuncia o alcalde.
O PEF, segundo o informe do interventor municipal, non prevé ningunha medida para o ano 2018 porque a día de hoxe xa se cumpren o principio de estabilidade orzamentaria e os prazos sobre morosidade. Non obstante, diante desta circunstancia derivada da regra de gasto, o alcalde aclara que optouse por convocar un pleno extraordinario na recta final do ano para poder contar con todos os datos do exercizo saínte perfectamente actualizados.
Andrés Díaz conclúe que "estamos diante dun orzamento histórico, que crece ao tempo que reduce a débeda municipal, que demostra unha xestión eficiente dos recursos e que acentúa a aposta social e a contención da presión fiscal sobre a veciñanza".
Destaca que "é un orzamento moi inversor, a pesar do apagón da Xunta de Galicia, e que se converte nun síntoma máis da recuperación de Ponte Caldelas tras máis dunha década de decadencia durante os gobernos hereditarios do PP".