Carlos Tourón, premiado e vendedor do segundo premio: "¿Quién nos lo iba a decir a nosotros? Con un número de Santander. Es la leche"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O número 51244 forma a combinación gañadora do segundo premio do Sorteo Extraordinario da Lotería de Nadal 2017. O premio está dotado de 125.000 euros o décimo. A alegría desbordaba este venres na avenida Eduardo Pondal, no establecemento 'La Cava del Puro'.
Alí vendéronse 80 décimos deste número, un deles quedou en mans de tres encargados deste local comercial.
Carlos Tourón, xestor do establecemento, mostrábase feliz e explicaba que a casualidade e a solidariedade cun amigo de Santander que, tras quedar no paro, decidira abrir unha administración de lotería en Cantabria foi a causante de que a fortuna tocase este 2017 en Pontevedra.
José Luis, o seu amigo, insistira en que quedasen con ese número a pesar de que nos catro anos que leva aberta 'La Cava del Puro' nunca se vendeu lotería. "Trouxo o número que lle deu a gana", indica Carlos Tourón, que afirma que nin se preocuparon en se lles gustaba ou non.
Carlos indica que venderon oito planchas, oitenta décimos. Foron todos repartidos, para clientes da rúa, que se achegan todos os días. Non cre que haxa ninguén que se levara máis de dous. Varios deles distribuíronse entre veciños con poucos recursos dos poboados chabolistas de O Vao (Poio) e, sobre todo, de Figueirido (Vilaboa).
Este segundo premio foi madrugador e antes das 10.00 horas xa saíra. Pouco a pouco, algúns dos clientes que adquiriran un décimo comezaron a achegarse ao local ao comprobar que o premio tocara a un número distribuído por unha administración de Santander.
Carlos non se podía crer que lle tocase o segundo premio máis importante deste sorteo. "Será o reintegro", pensou. Pero o seu amigo José Luis chamouno e díxolle "Es el vuestro, Carlos. Tocó". O empresario indica que ao longo da mañá comezaron a chegar clientes que querían números para o sorteo de Reis.
Repartiu 10 millóns de euros en premios
"¿Quién nos lo iba a decir a nosotros? Es la leche", afirma incrédulo e cos cartos que lle tocaron a el e aos outros responsables do negocio asegura que taparán buracos.
O seu amigo José Luis, pola contra, non quedou con ningún décimo. O loteiro contaba con 800.000 números e había que devolvelos porque se non a administración ía cobrarllos. Alá só vendera este número a un grupo de afeccionados taurinos. O santanderino tamén vendeu un quinto premio e "aínda que xa só sexa por publicidade, para o ano vai vender máis lotería", di Tourón que, sen dúbida, conta cun amigo que reparte boa sorte.
Relacionadas:
-
Un veciño do Vao doa aos Servizos Sociais de Poio parte do seu premio da Lotería de Nadal
Por Redacción |
-
O Sorteo do Neno 'pasa' de Pontevedra
Por Redacción |
-
Se che tocou o Gordo podes mercar un pazo en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O 51244, segundo premio da Lotería de Navidad, cae no Grove
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
RADIO.- Cara a cara: Que os nenos de San Ildefonso vos canten a sorte!
Por Marisa Ciordia |